miércoles, 18 de julio de 2018

Conchita do Píldaro: «Por ser muller non tiven problema» (La Voz de Galicia)

.
Fuente: La Voz de Galicia


No ano 1981 Conchita García Rodil levaba adiante o restaurante Casa García xunto coa súa familia. Na Pontenova, a súa vila, a xente referíase a el como Casa Píldaro. Foi o 10 de xaneiro dese ano cando se convertiu na presidenta do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) do pobo. Comezaban entón os 21 anos de periplo como presidenta do CIT, labor que seguiu a compatibilizar coa súa profesión. «Había que sacar tempo para todo: para encargarse das actividades do Centro de Iniciativas Turísticas, para a casa de comidas e tamén para a asociación dos nenos», sopesa. A importancia é maior ao coñecer que foi, naquel tempo, a primeira muller en España en converterse presidenta dunha asociación deportiva. Ela, xunto cos socios e colaboradores desa organización, formaron a sociedade de danza e gaitas Asociación Cultural Os Fornos. «As familias mesmo me deixaban a min os nenos cando había ensaio. Dicíanme ‘Conchita, irás hoxe ao ensaio?’ e xa quedaban tranquilas se me encargaba eu de botarlles un ollo», explica. Eses mesmos ‘nenos’, que agora teñen incluso os seus propios fillos, recordan con cariño as anécdotas que con ela viviron. 

-Como chegou a ser a presidenta do Centro de Iniciativas Turísticas?

-Foi casualidade. O CIT fundouse no ano 1975 e seis anos despois a súa dirección ía dimitir. Foi entón cando un amigo meu, o farmacéutico Elías, me convenceu para formar parte da asociación. O que non sabía é que ía ser presidenta. ‘Non quero cargos’, lle dixen. Uns días despois comunicoume que tiña o posto de presidenta. Para min foi unha grande sorpresa.

-E así foi por moitos anos... 

-Si, 21. Houbo bos e malos momentos pero quédome sempre cos positivos. Os comezos daquela foran moi duros, porque nada máis entrar eu a dirixilo, tivéramos que falar cos encargados de pesca en Madrid porque non tíñamos as licencias a punto para o concurso de pesca de troita dese ano. O concurso de pesca de troita é moi importante tanto na nosa vila. Achéganse pescadores incluso de Lugo e tamén de Asturias. Eu tiña pouca idea e fun aprendendo pouco a pouco do meu home, que era pescador.

-Foi máis complicado polo feito de ser muller na época? 

-Non tiven nunca ningún problema. A chegada ao posto foi case casual, e ninguén o viu de forma negativa.

-Que máis iniciativas naceron do CIT pontenovés? 

-Creamos incluso unha asociación de danza e gaitas para os nenos. Eles actuaban no concurso de pesca de troita, e despois comezamos a ir tamén a outros lugares.

-A xente recorda con cariño eses momentos? 

-Moito. Hai pouco fun a unha tenda daquí do pobo e o fillo da propietaria díxome se recordaba o dito ‘las señoritas educadas salen de casa meadas’. Fíxome moita ilusión que el se lembrase, porque era unha broma que eu lles facía cada vez que íamos de excursión coa sociedade dos nenos. 

-En que ano deixou o cargo? 

-Foi no 2002. Parece que queda lonxe. Agora xa son avoa, estou xubilada e a vida cambiou.