martes, 10 de abril de 2018

Entrevista en CampoGalego a Dario Campos (Alcalde de A Pontenova)

“Negámonos a mirar para outro lado ante os problemas do agro”
Fuente: Campogalego


Darío Campos Conde, nado na Pontenova no 1965, é alcalde de A Pontenova e presidente da Deputación de Lugo e veterinario de profesión. Nesta entrevista explica as medidas que están a tomar dende a Deputación para apoiar ao sector agrogandeiro e tamén se pronuncia sobre a polémica forestación con eucalpito en diversos concellos do centro de Lugo.
¿Cal é a túa vinculación co sector agrario?
O agro e a gandería forman parte da miña vida dende pequeno, pois son veterinario e fillo de gandeiros. Dende sempre me gustaron os animais e a natureza, de aí que me licenciara en Veterinaria. Estudei no Campus de Lugo, formo parte da primeira promoción de Veterinaria do campus lucense, que data do ano 1984. Traballei a tempo completo como autónomo, facendo clínica veterinaria e prestando servizo a gandeiros da provincia, ata que asumín responsabilidades institucionais. Tampouco me tería importado ser gandeiro no seu momento, seguramente me tería dedicado a isto se na xuventude tivera unha boa explotación.

¿Que representa o sector primario do agro para a provincia de Lugo e que pode representar no futuro?
Lugo é unha provincia eminentemente rural, na que o sector primario ten un importante peso económico, pois representa un 12,5 por cento do Produto Interior Bruto. Neste senso, tamén é importante subliñar o peso da industria, un 17,9 por cento do PIB, pois na súa maioría está vinculada ao sector primario, sobre todo de gandería e do sector forestal. De feito, arredor do 34% das empresas lucenses pertencen ao sector primario (agricultura, gandería, silvicultura e pesca).

En total, na provincia de Lugo temos máis de 20.000 explotacións agrarias, segundo os últimos datos do IGE, e un total de 19.800 persoas que traballan no sector agrogandeiro e forestal.
A nosa provincia lidera no Estado tanto a produción láctea como a da madeira. Sen embargo, Galicia está nos postos máis baixos no conxunto de España en canto á industria transformadora, o que provoca a perda de numerosos beneficios. A provincia de Lugo produce 1 millón de toneladas de leite, que representan máis do 43% da produción total de Galicia, e fai que Galicia sexa a principal produtora láctea de España.
¿Por que decidistes embarcarvos en solitario na construción do Centro de Recría e que vantaxes vai supor para os gandeiros de Lugo?
Estas instalacións abren unha nova etapa na nosa provincia e no campo galego pola importante inxección económica e de emprego que supoñen, sobre todo no rural. No Centro de Recría plásmase o modelo económico e produtivo que queremos para a provincia: a dotación de infraestruturas públicas, xestionadas cun rigoroso control público, que aproveiten os grandes recursos dos que dispoñemos no medio rural para xerar valor engadido, riqueza e postos de traballo. O Centro de Recría é, sen dúbida, o máximo expoñente do pulo que lle estamos dando dende o Goberno da Deputación ao sector agrario e gandeiro da nosa provincia.

Estas instalacións serán un centro de referencia para a recría de todo o país, xa que poderán acoller en total unhas 3.000 xovencas, preferentemente da provincia de Lugo. Ademais, traerá grandes beneficios para os gandeiros, e polo tanto para a economía da nosa provincia, que se sustenta, fundamentalmente, no sector primario.
Tamén tedes en marcha a Granxa Experimental para o Campus Terra da USC ¿Que cambios vai supor este centro?
A Granxa Experimental do Campus Terra é un proxecto totalmente pioneiro na provincia, pois implica a dotación dunhas instalación públicas ao servizo do Campus Terra, nas que profesionais e alumnos, especialmente da Escola Politécnica e da Facultade de Veterinaria, poderán realizar actividades docentes e proxectos de investigación no sistema de produción leiteira, que revertan na mellora da competitividade das explotacións lácteas.

 “Negámonos a mirar para outro lado cando hai problemas no agro”
Esta iniciativa terá como obxectivos avanzar na redución dos custos de produción do leite, así como na automatización e na incorporación das novas tecnoloxías a este proceso. Con isto pretendemos combater uns dos principais problemas que sofre o sector lácteo: os baixos prezos do leite, e a falta de man de obra e de calidade de vida dos seus profesionais.
O proxecto está dotado de 2 millóns de euros: 1,3 millóns achégaos a Deputación para as obras e 740.000 euros a USC para o equipamento. A previsión é que estas instalacións públicas estean en funcionamento no curso académico 2018-2019, para cando a Comisión da European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE) visite a provincia para renovar a distinción internacional da Facultade de Veterinaria.
Son 5 as estruturas que se construirán nun total de 4.400 metros cadrados, nunha finca da Granxa Gayoso Castro de 30 hectáreas, que servirá para producir, por exemplo, forraxe para os animais.
Deste xeito, facemos realidade unha demanda histórica do Campus Terra, que é a de establecer unha granxa experimental de leite que dea resposta ás necesidade docentes e investigadores. Profesorado, alumnado e docentes de Veterinaria, poderán realizar prácticas de diferentes materias de veterinaria, enxeñería agrícola e alimentaria; máster de enxeñeira agronómica e máster de produción de leite, cun enfoque máis profesional e práctico en aspectos como manexo sanitario, podoloxía, alimentación, benestar, calidade do leite ou produción agraria. Tamén se desenvolverán actividades de investigación en temas de interese para o sector e actividades de formación continua para profesionais do sector e gandeiros.
Unha liña na que xa levades anos traballando dende a Deputación son as axudas para a posta en cultivo de terras abandonadas, ¿Que balance facedes desta medida?
Efectivamente, no 2016 concedéronse 63 axudas de 250.000 euros para a recuperación de terras abandonadas, que serviron para pór en produción máis de 500 hectáreas que estaban baldías. Esta é unha medida pioneira nunha administración galega, que puxo en marcha a Deputación de Lugo.

Chama a atención que todas estas medidas que puxestes en marcha, son competencia tamén da Xunta de Galicia. ¿Está a fallar o diálogo e a cooperación entre as administracións para axudar ao sector agrario?
Como noutras ocasións, nós negámonos a mirar cara outro lado cando hai problemas aínda que non teñamos as competencias directas nunha materia. A nosa é unha provincia eminentemente rural e no Goberno da Deputación estamos comprometidos coas persoas que viven do agro e a gandería, por iso poñemos en marcha liñas de axudas e proxectos orientados a impulsar o primeiro sector, cos que tamén contribuímos a fixar poboación. Moitas veces facémolo suplindo á Xunta de Galicia, que non cumpre coas súas obrigacións nesta materia e para a cal o rural só é un mero slogan político.

No pleno que celebramos en marzo propuxemos á Xunta de Galicia un Plan de Industrialización na provincia de Lugo, enfocado á implantación de factorías transformadoras sobre o sector primario, especialmente as de segundo nivel. Comprometémonos a aportar a superficie industrial dispoñible nos polígonos que construímos nos concellos lugueses con custos vantaxosos.
A Deputación construíu un total de 518.153 metros cadrados de chan industrial nos polígonos de Ourol, Paradela, Baleira, Friol, Begonte, Castroverde e Chantada. Deste espazo, o 61% está vendido ou reservado (320.183 metros cadrados). Polo tanto, hai libre menos do 40% (195.970 metros cadrados).
Ofrecemos á Xunta estes 195.000 metros cadrados para desenvolver conxuntamente entre as dúas administracións un Plan de Industrialización da provincia de Lugo enfocado á implantación de industrias transformadoras do Sector Primario, especialmente as de segundo nivel.
Comprometémonos a aportar a superficie industrial dispoñible cos custes que no desenvolvemento do plan se consideren máis vantaxosos para a consecución dos obxectivos.
¿Que novas medidas de apoio ao sector agrogandeiro e forestal tedes previsto poñer en marcha na Deputación de Lugo de cara aos próximos anos?
Para o impulso de sectores punteiros como o primario (gandería, agricultura e pesca) no Orzamento de 2018 incluímos fondos de 2,1 millóns de euros. Destaca a outra partida de 634.000 euros para a construción do Centro Experimental de Leite na Granxa Gayoso Castro, de xeito que a achega total que fai a Deputación para este proxecto, tendo en conta os fondos que xa lle adicamos o ano pasado, sexa de 1,3 millóns.

DEPU_LUGO_DARIO_CAMPOS_GAYOSO_CASTRO

 “O goberno da Xunta ten que promover un pacto polo territorio”

A forestación de terras agrarias está a xerar conflitos no rural. Tamén a delimitación das áreas de plantación de eucalipto por parte da Xunta xera controversia en varios concellos do centro da provincia. ¿Cal é a súa postura ante este debate?
É certo que estamos ante un problema que está a xerar conflitos no rural, sobre todo porque moita xente abandonou a súa explotación agrícola ou gandeira e agora está a plantar en terras que son froito de concentracións feitas con diñeiro público para uso agrario ou agropecuario.

Eu defendo que hai que ordenar o territorio, porque penso que hai terra suficiente para todo; na miña opinión a clave está na ordenación. No rural, os concellos están quedando abandonados, onde antes había 40 explotacións agora quedan 2 ou 3, aínda que a cifra de gando é similar e esas explotacións necesitan terras.
A terra ten que usarse, pero débese facer unha mellor aplicación do Banco de Terras e, sobre todo, hai que ordenar a terra e o monte. Penso que hai zonas onde se pode plantar eucalipto e outras nas que non se debe plantar, por exemplo as zonas pegadas aos ríos e ás fontes débense reservar para frondosas. Penso que é cuestión de ordenación do territorio e que non se debe prohibir mediante un decreto a plantación de eucalipto nun concello e si autorizala no limítrofe.
Precisamente vista á controversia que provocou o decreto, desde o Servizo de Medio Ambiente da Deputación de Lugo organizamos tres xornadas nas que debatemos o asunto e nas que lle demos voz a todas as partes interesadas.
“A Xunta ten que ordenar o territorio para delimitar as zonas onde se pode plantar eucalipto e nas que non”
Eu reclamo que se traballe na ordenación do territorio, porque penso que é fundamental para fixar poboación e para a nosa economía, para as explotacións agrarias e para o monte. Hai que ter en conta que na Mariña lucense, por exemplo, a madeira é un gran recurso. Nalgúns concellos este sector xera un gran movemento económico e, outro aspecto moi importante nos tempos que estamos, o emprego directo e indirecto que crea. Pero iso hai que regulalo, porque non se trata de que nalgúns concellos todo sexa eucalipto e noutros nada, hai que delimitar en que zonas se pode plantar e en cales non.
Na terra, non vexo ben que as zonas nas que se fixo concentración e se gastou moito diñeiro público agora se estea volvendo a plantar a monte outra vez, non ten sentido. Penso que é un tema de ordenación máis que nada e de poñer en valor o Banco de Terras. Ao mellor hai que pagarlle á xente que teña montes para que saque un rendemento das súas terras.
A ordenación dos usos do solo e o aumento do tamaño das parcelas son dúas materias pendentes en Galicia. ¿Cumpriría un gran pacto de país sobre a propiedade da terra para frear o abandono e fomentar o investimento produtivo? ¿Que papel pode xogar a Deputación de Lugo?
O pacto de país é fundamental, e considero que quen goberna é quen ten a obriga de promover ese pacto.
Considero que hai monte para todos os usos. Na provincia de Lugo, por exemplo, hai moitas terras a monte que non están a producir nada, están a toxos, mesmo creo que a ordenación é fundamental para que estea coidado, producindo e para a prevención de incendios.

Nós, dende a Deputación de Lugo, podemos botar unha man, e de feito xa se fixo co plan de recuperación de terras e coa mellora de camiños ou axudando, como facemos, ás asociacións do rural, pero non temos competencias para lexislar na ordenación do territorio. Penso que é unha responsabilidade e un papel que debe asumir a Xunta, é quen debe promover ese pacto.
O teu traballo de veterinario e de presidente da provincia máis gandeira de Galicia dáche unha visión ampla do sector primario e o gandeiro en particular. ¿Cales cres que son as claves para que as explotacións de vacún da provincia de Lugo sexan competitivas no futuro e haxa relevo xeracional?
Creo que as claves pasan por conseguir unha maior rendibilidade e eficiencia produtiva. E, neste senso, considero que é fundamental afondar na industrialización do sector para poder competir no mercado español e europeo, sempre respectando a calidade pola que se caracteriza o produto.

Deste xeito, resulta imprescindible evolucionar dun modelo de produción eminentemente tradicional, aínda moi presente na nosa comunidade, cara un modelo máis moderno, que xere valor engadido e cunha orientación decidida cara a economía de mercado. Neste novo modelo, a innovación e a especialización deben ocupar un posto destacado, é preciso buscar a excelencia a través de novos produtos que conten cun selo de calidade e que sexan recoñecidos internacionalmente.
A modernización do sector debe ir ligada a un modelo de desenvolvemento sustentable e respectuoso co medio ambiente. Un exemplo disto é o Centro de Recría que puxemos en marcha e contará coa planta de biogás agrogandeiro máis grande de Galicia, que permitirá transformar en enerxía os residuos que se xeren, facendo que o centro de recría sexa autosuficiente. É dicir, suporá que os custes enerxéticos destas instalacións sexan de cero euros e contribuirá a unha xestión racional e sostible.
Evidentemente, para que esta evolución e modernización do sector primario sexa posible resulta fundamental que o resto das administracións públicas, tanto a central como a autonómica, se involucren e tomen medidas para colaborar no relanzamento dun sector tan importante na economía da nosa provincia.