sábado, 3 de febrero de 2018

Jorge Moirón: “Espero estar de volta e volver xogar no Sporting Pontenova”


Fuente: Futbolinlugo



Vai no ADN do fútbol afeccionado que moitos veces haxa que antepoñer outros asuntos ao propio fútbol. Algo que sempre está xustificado porque aquí os cartos non son os que te fan permanecer nun equipo, son outras necesidades persoais ás veces difíciles de explicar. Por motivos laborais, Jorge Moirón (A Pontenova, 1991) ten que deixar de ser xogador do Sporting Pontenova. Unha oferta laboral ao outro lado do charco (e non o do Eo preciasamente, senon de Lima (Perú), obrígao a deixar momentaneamente o equipo do seu pobo. Aínda que con pasado nas categorías inferiores da Comercial, Residencia e un ano no CD Lugo xuvenil, no Sporting Pontenova foi onde máis anos estivo (11 en total) e todos os que leva xogando como sénior. Hai dez días xogaba o seu último encontro como capitán do Sporting na Primeira Galicia, último que non derradeiro. Marcha que ten que marchar porque sabe que para volver sempre hai tempo.
FIL: Deixas o Sporting Pontenova na categoría que che gustaría?
JM: Xoguei en Terceira Rexional, ascendeuse a Segunda e ascenceuse a Primeira, gañouse a Copa,…Sempre dicíamos hai anos, que había que intentar deixar o equipo en Primeira e os que veñan de abaixo tiren por el, que ata aquí costou chegar.
FIL: Animaraste a probar o fútbol en Perú?
JM: Si, se poido si. Non sei o nivel do fútbol aló, non sei como funciona o fútbol amateur, pero aínda que sexa para adestrar…Aínda así espero estar de volta, e volver xogar no Sporting Pontenova. Hei volver.

FIL: Nalgún momento tiveches ofertas para cambiar de equipo?
JM: Chamáronme de Preferente, incluso de Terceira cando deixei o CD Lugo DH. Eu tiña claro que quería volver para a Pontenova despois de desfrutar da experiencia na División de Honra, que é moi bonita e vivina encantado.
FIL: Cales son os teus mellores recordos coa camiseta amarela e negra do Sporting?
JM: Dos mellores recordos que teño foi o ano pasado; tamén a etapa xuvenil na que xogamos dúas fases de ascenso á liga galega, dous anos seguidos. A xeración toda do 91 que éramos todos do pobo. Iso para un concello de arredor de 2500 persoas fora moito. Ademais a resposta da xente do pobo fora incrible.
FIL: E esta experiencia de xogar na Pontenova con teu irmán de adestrador, tivo algo de particular?
JM: Foi especial sobre todo ó principio. Custou adpatarnos, pero todos somos do pobo e somos amigos. Dende o primeiro momento tentei ser un máis e gañarme o posto no once titular nos adestramentos. Sempre lle digo que se el non fose o míster xogaría máis minutos (risas).
FIL: Quedámonos co desexo de que isto só é un ata logo porque…, que representa para ti o Sporting Pontenova?
JM: Para min é o equipo da miña vida, do meu pobo. De neno cando o equipo estaba en Terceira e en Preferente recordo subir ao campo con 4 ou 5 anos. A miña ilusión era ser capitán e xogar alí cos meus amigos. Foi algo que cumprimos, non na categoría pero compartímolo. Seguireino todas as fins de semana desde alí.


Lea más en http://futbolinlugo.es/futbol_afeccionado/jorge-moiron-espero-estar-de-volta-e-volver-xogar-no-sporting-pontenova/#3sf2PLSALXEHUbG3.99