lunes, 2 de octubre de 2017

Darío Campos: "Imos mercar unha finca e edificar unha residencia para uns 30 maiores da Pontenova"

Darío Campos. XESÚS PONTE
Fuente: El Progreso

A PAISAXE DA Pontenova ten cambiado notablemente nos últimos anos. Darío Campos, alcalde socialista da localidade -que xa avanza no seu terceiro mandato ao tempo que preside a Deputación Provincial de Lugo- aproveitou os tempos nos que a crise aínda non era tan grave para conquerir fondos cos que acometer o encauzamento do río Eo. A obra fixérase para previr inundacións nun pobo que creceu en ámbalas dúas marxes do cauce e mudou por completo a fisonomía local. Agora hai un fermoso paseo nas beiras do caudal e ademais a vella ponte é peonil e turística e desemboca nunha renovada Praza dos Fornos. Este espazo transformóuse nunha área etnográfica que lembra a actividade que houbera nas minas de ferro. O espectáculo pirotécnico do sábado 30, á noite, permitirá ver doutro xeito as antigas chemineas, durante a celebración das San Lucas pontenovesas.

Para acometer esas obras, contou cun goberno amigo no Estado, o de Rodríguez Zapatero, e cunha época menos austera, non si?

Eu penso que as épocas boas hai que aproveitalas. É certo que por aquel entón a economía era mellor que a de hoxendía, pero ás veces con menos tamén se pode facer máis. Por exemplo, agora estamos nun periodo dun grande investimento para os concellos lucenses e na Pontenova por exemplo, grazas á boa xestión realizada, logramos reducir a débeda que colléramos de 1,5 milóns de euros, cando chegamos á alcaldía e que minguamos ata os 400.000 euros actuais. Tamén estamos pagando aos proveedores nun prazo inferior aos 15 días. A obra do encauzamento e a da Praza dos Fornos, tan positivas para a localidade, causáronlles moitas molestias aos veciños pero a xente quedou contenta e os que veñen de fóra felicítannos polo cambio.

O seu principal reto sempre teñen sido os servizos sociais. Neste aspecto, segue tendo a idea de construir un xeriátrico na zona?

Si. De feito asinaremos un convenio coa Deputación para poñer en marcha a residencia de anciáns. Na Pontenova, o Concello non ten solo, así que hai que mercar espazo. Xa temos analizadas un par de localizacións. Imos mercar unha finca este ano e para o que vén, prevemos executar a obra de cara a que o centro poda entrar en servizo en 2019. Tería unhas 30 prazas. Hoxendía hai moitos pontenoveses en xeriátricos doutros lugares.

Un dos gastos principais que asumen e que teñen incrementado é o que destinan á axuda a domicilio?

Si. De feito cando entramos na alcaldía había contratadas dúas persoas para a axuda no fogar e hoxe pasamos das 15. Temos ao pé de 18 traballadoras que atenden a esas persoas que viven soas. É unha aposta importante. É un cambio necesario que se poda facer grazas ás axudas á dependencia, á axuda a domicilio e grazas á Deputación.

O sector forestal é hoxendía o principal motor da Pontenova?

Tralo peche de moitas gandeirías, -que tiñan sido un motor económico importante-, o sector forestal é agora puxante. Hai máis de 20 empresas na localidade traballando a madeira e hai moitos veciños adicándose á plantación de arbolado. É certo que iso deteriora as estradas. Por iso mercamos unha motoniveladora, precisamente para amañar os camiños. Temos máis de mil quilómetros de pistas forestais e levamos repasado ou amañado polo menos 500 quilómetros ata o de agora, porque penso que é unha área con futuro para a municipio.

Empresas potentes coma Industrial Recense, con preto de 50 empregos, fan ver que o polígono industrial vai a máis?

A día de hoxe temos entre 15 e 20 empresas no polígono e un par de peticións para poder asentarse nesta superficie. Este ano aprobaremos a súa ampliación e a súa legalización que tamén é importante e necesario. Eran trámites pendentes que levan o seu tempo.

Que pasará coa Ferreiría de Bogo?

A súa importancia histórica en Galicia é reseñable. Nós quixemos adquirila para revalorizala cos cartos dos éolicos pero non se puido. Dende o bipartito suspendéronse moitos parques e iso afectóunos.