lunes, 17 de julio de 2017

Entrevista a Manolo Piñeiro (Anticuario de A Pontenova)

.
Fuente: La Voz de Galicia

Manuel Piñeiro, anticuario de A Pontenova, con 19 anos na profesión, ten unha dilatada experiencia como organizador de feiras do seu sector, que comezou pola Pontenova e seguiu por concellos coma Viveiro, Burela, Vegadeo ou Barreiros. Un mundo, o das antigüidades, que di, «está e sempre estará de moda».
-E iso?
-Porque as antigüidades son un moi bo recurso para a inversión, e así o ve moita xente. O que ocorre é que as modas cambian, e se fai anos se tiraba máis polo mobiliario, agora é o coleccionismo. É lóxico, porque o coleccionismo é moi interesante para investir, como refuxio de cartos, para ter un valor que se vai revalorizar. A xente sabe que nas antigüidades ten un patrimonio e por iso 
funciona e funcionará.

-E cales son as próximas feiras que van organizar?
-A de Burela, os días 28, 29 e 30 de xullo, e a de Vegadeo, o 11, 12 e 13 de agosto.
-Vai moita xente?
-Penso que son eventos que contribúen a dinamizar a economía da zona. Nós o que movemos nestas feiras, e falamos de cifras reais, son sobre 20 expositores e entre 1.500 e 2.500 visitantes. Hai excepcións, como as 4.000 persoas que acudiron á feira de Viveiro, pero o normal son esas cifras. Canto máis asentada está a feira, máis xente vai.
-E que tipo de persoa acode á feira?
-Pois dende o afeccionado que ven buscar pezas específicas ata o que ten curiosidade e entra por ocio, buscando algo xenérico. Pero é certo que este tipo de feiras son máis selectivas, non é a típica feira de mostras, é máis específica.
-Uns 20 expositores.
-Si. A Burela virán sobre todo de Galicia e tamén de Francia, Marbella, Salamanca e Madrid. As feiras son moi importantes para nós, porque coa crise foron a mais e o afeccionado ás antigüidades atopou nelas un lugar ideal para comprar, máis que ir a unha tenda en particular. As ventas acostuman a ser importantes.
-Cobran entrada?
-Si. 2,50 euros.
-E iso non retrae a moita xente?
-Sobre o tema da entrada sempre hai debate, pero eu son dos que teñen claro que hai que cobrar. Hai moitos anticuarios que xa poñen por diante que se non se cobra non montan na feira. Organizar un evento de estas características require mover un orzamento importante. Se facemos as contas, uns 20 expositores mostran entre 20.000 e 25.000 pezas. Entón: 2,50 euros é esaxerado por ter a posibilidade de ver esa cantidade de pezas? Eu penso que non. Hai que cobrar entrada por lóxica. Ademais, cobrar unha pequena entrada é unha forma de valorar tamén o que hai dentro exposto.