viernes, 2 de junio de 2017

A SUBIDA A PONTENOVA. Punto de Chegada por JL. Lilo

Derriba da Fonte(Vilar das Pedras)

Viaxemos aos anos trinta do derradeiro século, cando as aldeas de Galicia estaban comunicadas por camiños, carreiros e atallos que acurtaban os traxectos. Boeno, non só de Galicia, tamén as que se atopaban ao longo  da pel de touro do Estado, nesto tiñan sorte os da chaira de Castela, porque non había pendentes, nen gouños, nen noiros.
Recollen as hemerotecas que, nunha viaxe que fixo rei Alfonso XIII  a comarca das Hurdes de Cáceres, cuio acompañante era o doutor Marañón, bo amigo e de confianza do monarca, despois dos primeiros días de percorrer a cabalo a  zona, o Borbón acostumado a millores mollidos, cando voltou ao palacio de Madrí e cavilou sobor as vivenzas naquelas terras, púxose en contacto con Marañon e pregúntoulle que habería que facer para millorar a  inhóspita zona e sacala da pobreza, a resposta foi: “...Maxestade, o que necesita esa comarca é a construcción de estradas, de moitas estradas para comunicar os pobos e darlles saidas ao exterior”
Polos anos cincoenta fixéronse algunhas estradas ca obriga e caroal traballo dos veciños , a chamada prestación, ou sexa, dobrar o lombo sen cobrar un patacón. O pico, a pala, o pao ferro, a maza, o barreno e o carretillo de táboa con  roda de ferro, foron as ferramentas fundamentais para poder rillar a pena e  achaiar os desniveis. O trazado era a ollo, atendendo as influenzas e a poucos consellos dos veciños reais coñecedores po patealo, marcando con estacas as pendentes e curvas que dibuxaban no terreo os tentáculos ca abrazaban  e   agochabanse como pantasmas, para logo xurdir ao lonxe das entranas da montaña.
Según contaba meu avo, un día preguntoulle  ao veciño, señor Xosé do Diaz do Vilar das Pedras, cando estaba arando no Comaro: “...señor Xosé, e si pasara unha estrada por estas leiras?...”, éste soltou da mán a rabela do arado de pao, sacou a pucha e respondeulle: “...Pró tí estás tolo, queres que cando logo pasen os aeroplanos  e estea arando, me espanten as vacas, ouu...”.
Pasaron dous terzos de século dende  cos Comaros foron fendidos ao traveso pola estrada que, una vez máis, van percorrela  en competición os aeroplanos de anchas rodas, que como serpes agachadas do corpo e do nariz serpentean e bulran o aire, co estourido dos pistóns que  espalla o eco ata o Marco de Alvare, asomando na curva do Comaro, onde é fel testemuña o teixo  do Penedo ,  para, non abrir e pechar de ollos, escabullirse na seguinte que ven pasada a Fonte, cun derrape escorado que fai ca xente espectadora, no punto estratéxico, faga uiiii... e aplauda, ao tempo que busca o número na lista  de quén é o que lle puxo tanta fé e collóns no intento de ser o millor en tempo. Os comentarios, serán: “éste tira de carallo...non sei como no se espetou”.
Non acordei tempos para competir, pró gostaríame darlle ferro a máquina e gradar a estrada que vín nacer cando era neno, que percorrín de tódolos xeitos e ca coñezo cos ollos pechados, como corpo de venus que engarabita pola ladeira da montaña e non ten repouso ata o monte da Penela, punto de chegada.

Emoción, festa, cheiro ao queimado da rodas e freos, paisaxe de ferro pintado de cores e diferentes formas, marcas na estrada, ónde hoxe nas beiras non hai arador, nen vacas xunguidas que poidan espantarse. A bo seguro, si o señor Xosé  estivera para velo, deixaría o arado román na cabana e engataría, xunto aos demáis, ao paparapeto de Derriba da Fonte, dicindo: “...Esto é cousa de bruxas, se non o vexo non o creo, si as vacas espantan, xa virán ao rego...”