domingo, 14 de mayo de 2017

Teresa Rodríguez (A Pontenova): "A maioría era a primeira vez que dormíamos fora da casa"

Alumnas da primeira promoción do colexio Santísimo Sacramento. EP

Fuente: El Progreso

Volven as bachareles do Santísimo

A primeira promoción do primeiro colexio menor feminino de Lugo reencóntranse este domingo. Tapábanse con plásticos para ir ao instituto e escapaban pola fiestra para ir ás festas da Tolda

"El primer día subí las escaleras llorando, pero el llanto se acabó ese día. Los recuerdos que guardo del colegio Santísimo Sacramento son inmejorables", afirma Gloria Rodríguez dende a súa casa na serra de Huelva. Este domingo estará en Lugo, xunto á maioría das rapazas da primeira promoción do colexio (1966-67), o primeiro internado feminino que houbo na cidade para as nenas e mozas das aldeas que acudían a Lugo a estudar o bacharelato no instituto Feminino ou Maxisterio.
"Viñamos dende 50, 60, 80 e ata 100 quilómetros de distancia; a maioría era a primeira vez que durmiamos fóra da casa, e o bispo Ona de Echave viu a necesidade dun colexio menor", explica Teresa Rodríguez, unha daquelas nenas, da Pontenova. É a única que se fixo relixiosa e 50 anos despois segue vivindo no complexo que o bispo promoveu na ribeira do Miño, onde naquel entón só había prados e monte. "Era un silveirón", recorda Teresa. O conxunto está formado polo antigo colexio, que tras aproximadamente medio século de funcionamento e varios usos acabou sendo a residencia das Salesas; pola Casa Diocesana e pola emisora de Radio Popular.