jueves, 6 de abril de 2017

Unha mestra que exerce na Pontenova publica unha novela

Sabela Núñez Singala, Isa García y Ero Vázquez mostran parte da escenografía e varias marionetas. C.A.

Fuente: El Progreso

Teatro Marionetas Trécola, unha compañía con longas e profundas raíces en Pol, ultima os detalles para presentar a súa última obra, un traballo a través do que cobra vida ‘O agasallo de Anya’, a primeira e única novela da lucense Sabela Núñez Singala, mestra na Pontenova e afincada en Muimenta.
«Queriamos facer unha obra nova, pero partir de algo feito. Normalmente facemos todo o proceso, pero esta vez decidimos buscar unha historia dunha escritora galega. E limos o conto de Sabela e foi un frechazo. Non nos coñeciamos de nada, pero traballamos moi ben xuntos», explica Isa García, que xunto con Ero Váquez dará vida a unha historia que naceu dunha viaxe a Ucraína e comenzará agora unha nova aventura.
«‘O agasallo de Anya’, publicado a finais de 2013, relata a historia de dúas nenas, unha de Ucraína, que vive nun orfanato e escribe un diario, e Xiana, unha galega que fai un blog e vai contando a súa historia. E aínda que hai moita distancia entre elas, as realidades non son tan diferentes», relata a autora sen entrar en detalles que revelen demasiado.
«Nós o que queremos conseguir é chegar ao nivel do libro, que é moi emotivo, e facer sentir o mesmo: rematar cunha pequena bágoa e cun sorriso», apunta Ero, ao tempo que ensina as marionetas recén feitas. Aínda teñen que encherse de cor.
«Están duplicadas Anya e Xiana. As marionetas grandes con articulación de ollos son os pensamentos, os sentimentos. E as pequenas contan o que lles pasa. Tratamos de contar a motivación que lles fai escribir a través de cousas moi cotiás», relata.
A obra, de 50 minutos, está enfocada a un público familiar e estrearase o 17 de maio, polas Letras Galegas, no Museo Provincial de Lugo, aínda que previsiblemente haberá preestrea na Chaira.
«Faime moitísima ilusión este traballo. O libro partiu dunha experiencia persoal dunha viaxe a Ucraína e velo representado faime moita ilusión. É unha honra», apunta Sabela mentres se achega a eses personaxes que saíron da súa cabeza para traspasar a outras a través das páxinas dun libro e que agora toman forma con Teatro Marionetas Trécola.
Pero ese sentimento non abruma os titiriteiros. «Non traballamos con máis presión. Houbo moita colaboración, bastante natural. O texto está escrito nunha linguaxe moi sinxela», apunta Isa, que indica que contaron coa axuda de Pomba Luxilde, de Palimoco Teatro, para a dramaturxia, e con Chintofanería Artesanía e Fábrica de Emocións para a escenografía. Isabel Rey, de Monicreques de Kukas, dirixe a obra.
«Esperamos que o público responda moi ben», din os creadores desta obra, que antes xa se converteu en unidade didáctica nalgúns colexios e en parte dos recursos educativos da web da Xunta.
Aínda que o traballo artístico sempre require algún detalle máis -«nunca está todo preparado»-, acaban de comenzar os primeiros ensaios. «Mentalmente» levan traballando un ano na obra, «fisicamente» tres meses «intensos». E xa van máis alá: «Poderían xurdir máis colaboracións e unha das ideas é sacar o conto de Galicia».

No hay comentarios: