martes, 28 de febrero de 2017

Entrevista a Darío Campos en El Progreso


Darío Campos, nos xardíns do pazo de San Marcos. PEPE TEJERO
Fuente: El Progreso

O presidente da Deputación e o seu equipo respiran moito máis tranquilos dende que se anunciou o retorno do diputado Manuel Martínez ao grupo de goberno. Durante case ano e medio, o tamén alcalde de Becerreá integrou en solitario o grupo de non adscritos e respaldouse mutuamente co PP, formando unha maioría de votos no pleno que complicou moito o labor do equipo de Campos. Agora, coa volta do histórico socialista, o presidente da Deputación pensa en empezar unha nova etapa máis doada de levar.

A Deputación volve ter a mesma configuración política que tiña hai máis dun ano, antes da expulsión de Martínez. ¿Mereceu a pena este tempo de inestabilidade e unha situación que recibiu o calificativo de esperpética en moitas ocasións?
Dende que entrei, o que máis me preocupou foi traballar polos veciños e creo que iso si que o fixemos, nunha situación moi difícil. Traballamos en silencio, fronte o protagonismo mediático que tiveron outras cuestións.

Por que se produce agora a integración de Martínez e non antes, porque o diputado tiña as mesmas esixencias dende o principio?
Pola miña forma de ser, sempre trato de lograr o consenso, pero neste caso non o logrei ata agora. Cando un matrimonio se separa interveñen moitos factores e, aínda que houbo conversas durante todo o tempo, non se puideron solventar ata agora, tal vez porque houbo algo de vehemencia por ambas partes. Neste caso, tiña que pasar o tempo para que cicatrizaran as feridas e todo volvese á normalidade. A expulsión de Martínez foi unha decisión que, se se puidese volver ao pasado, seguramente non tomariamos.


Pasado: "Arrepentir non me arrepinto de nada do que fixen, o que non quere dicir que non me equivocase" 

Estabilidade de goberno: "Ofrecinlle ao BNG volver ao goberno e non quere, pero trataremos de chegar a acordos"

Dixo ao oficializar o reingreso do alcalde de Becerreá no grupo de goberno que "hai que aprender do pasado". Que aprendeu deste ano e medio? Arrepíntese de algo, como de botar a Martínez?
Arrepentir non me arrepinto de nada do que fixen, o que non quere dicir que non me equivocase. Fixemos o que en determinado momento consideramos que era o máis oportuno, pero agora o que queremos é poñer o contaquilómetros a cero e comezar unha nova etapa.

Co retorno do deputado non adscrito, o único obxectivo é anular o poder que estaba adquirindo a popular Elena Candia co seu apoio, aínda que estivesen na oposición?
O que queremos é unha maior estabilidade de goberno e Elena Candia seguirá tendo o papel que lle corresponde como xefa da oposición.

Fala de gañar estabilidade de goberno, pero segue en minoría na corporación fronte o PP e o BNG. Como pretende solventar esta situación?
Ofrecinlle ao BNG volver ao goberno e saben que teñen as portas abertas. Falámolo en varias ocasións, pero eles din que non queren volver. É certo que houbo un enconamento entre os dous grupos, pero as razóns polas que agora non queren volver téñenas que dicir eles. En calquera caso, somos forzas afíns e trataremos de chegar a acordos puntuais, mantendo sempre a porta aberta por se queren voltar ao goberno.

Despois das feridas abertas entre o grupo socialistas e o ata hai nada deputado non adscrito, considera que vai ser capaz de poñer en marcha un equipo compacto e sen fisuras?
Se non o crese, non tomaría esta decisión. Foi un acordo consensuado con todos os deputados do meu grupo e coa xestora do partido.

Tamén con Álvaro Santos, que agora tivo que deixar o seu cargo de vicepresidente cando tiña públicamente unha relación pésima con Martínez, con insultos e unha animadversión que saía á luz en todos os plenos?
Se Álvaro Santos non quixese ceder a vicepresidencia, non habería acordo con Martínez, o mesmo que con Argelio Fernández, ata agora deputado de obras, e que tamén aceptou. Se non estiveran de acordo, non tomariamos esta decisión.


Xestión: "A pesar de todo, traballamos en silencio e logramos investir 107 millóns do presuposto na provincia"

Orzamentos: "Co BNG temos xa moito camiño andado e tampouco descartamos contar co apoio do PP"

Que foi o mellor deste case ano e medio como presidente da Deputación nunha situación tan complexa?
O mellor, sen dúbida algunha, foi aprobar os orzamentos do 2016 e poñernos a traballar dunha vez para executalos dentro do prazo previsto. Entre o presuposto e os remanentes eran 120 millóns de euros que puidemos comezar a empregar a finais de xunio e, aínda con todos estes problemas, fomos quen de investir 107 millóns na provincia, que a bo seguro tiveron que notarse en todos os aspectos e especialmente por parte dos veciños.

E o peor?
As numerosas reunións que mantivemos os diputados do PSOE e os técnicos para buscar unha saída a esta situación. Eran longuísimas, parecían eternas, dándolle voltas ás cousas para salvar os problemas. O certo é que traballamos en silencio, pero logramos investir 107 millóns de euros e iso ten que notarse en moi diversos aspectos en toda a provincia.

Que obxectivos ten marcados para a Deputación no que lle resta de mandato?
Os que dixen sempre: poñer todos os recursos da Deputación de Lugo para beneficio da provincia e, especialmente, no relativo ás infraestruturas, o emprego e o benestar social. Unha das metas máis inmediatas é a adxudicación do centro de recría de Castro de Ribeiras de Lea, para o que xa temos catro ofertas que se coñecerán na apertura de sobres da próxima semana. É algo que queremos acelerar ao máximo, como tamén é unha das nosas prioridades poñer en marcha as residencias que xa están rematadas, as da Fonsagrada, Castroverde, Pol e Trabada.

Pero, a Xunta deixoulle ben claro hai pouco no Parlamento, a través do conselleiro de Política Social, que se quere concertar prazas nas residencias a única posibilidade é inscribir Suplusa no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais e entrar no concurso, e a Deputación négase. Non é un conflito sen unha solución viable?
Se hai vontade política pode conseguirse. Nós o que non estamos dispostos é a que se nos trate como unha empresa ou unha fundación privada e que teñamos que competir cos mesmos dereitos nun concurso, porque somos unha entidade pública e o que demandamos é un convenio particular coa Xunta para que nas nosas residencias poidan vivir veciños dos municipios nos que se atopan e non xente doutras localidades e incluso de fóra de Lugo. Somos a provincia máis abandonada en política social.

Non tira a toalla despois da última intervención do conselleiro?
Eu nunca tiro a toalla e agora teño o ollo posto en Núñez Feijóo como presidente da Xunta para que atenda a nosa proposta. Se non o conseguimos, aínda temos outras posibilidades para subvencionar as prazas e que os nosos maiores podan vivir tranquilos nas súas localidades de orixe, que era a auténtica filosofía do proxecto da rede de residencias que se aprobou no ano 2010.

Como van as negociacións para a aprobación dos orzamentos deste ano?
Co BNG temos xa moito camiño andado e moitas posibilidades de chegar a un acordo porque coincidimos co plan único de 20 millóns, distribuídos dunha forma obxectiva. Tampouco descartamos o PP e que as contas acaben aprobándose por unanimidade de todos os grupos.

Cando ten previsto levar os orzamentos ao pleno, porque xa van varias datas incumpridas?
Na próxima sesión, prevista para o día 1, non poderá ser, pero temos previsto convocar un pleno de carácter extraordinario na segunda semana do próximo mes de marzo.
"Tiven baixóns, pero o meu compromiso cos electores fíxome seguir adiante"
Visto o que pasou no último ano e medio, mereceulle a pena converterse en presidente da Deputación? 
Como experiencia política, sen lugar a dudas, pero a título persoal foi realmente duro e teño que agradecerlle moito á miña muller a paciencia que tivo. Hai oito anos que empecei na política como alcalde da Pontenova e tiven un primeiro ano complicado, pero todos os humanos temos a capacidade de aprender e de amoldarnos ás situacións que se nos presentan. Por outra parte, na Deputación comprobei o diferente que é gobernar con maioría e sen ela. 

Pero, está arrepentido?
Tiven momentos de baixón e dúbidas, nos que me apetecía volver para a casa, pero o compromiso cos electores fíxome seguir adiante, así como todo o apoio que recibín dos meus deputados. 

Entón, volvería a facelo? 
A min realmente o que me gusta é a tranquilidade. Se me preguntas se repetiría o que fixen sabendo o que agora sei, a resposta sería que non, pero quero aclarar que non me arrepinto de asumir a responsabilidade que asumín. 

O seu paso polo pazo de San Marcos é tan só outra experiencia máis ou ten outras aspiracións no mundo da política? 
Nestes momentos, podo dicir que non. Eu son de vivir o presente. Cheguei sen buscalo e non teño máis aspiracións políticas.