viernes, 9 de diciembre de 2016

As redes sociais, co-protagonistas da Feira de Artesanía da Pontenova

Dende mañá, 8 de decembro, e até o domingo 11, A Pontenova acolle a súa décima edición da Feira de Artesanía e Antigüidades, un encontro impulsado polo Concello local e a Deputación de Lugo e que se dirixe a xuntar profesionais do sector (e seareiros das antigüidades e os obxectos feitos a man en calquera das súas moitas vertentes) de todo o ámbito estatal e mesmo de Francia e Portugal (o obxectivo é acadar unha participación de máis de 8.000 persoas). De xeito complementario, o venres (9 de decembro) a Fundación TIC da Deputación levará á Oficina de Turismo da Pontenova (dende as 16 até as 20 horas) o Banco de Memoria Dixital, un proxecto que inclúe vídeos, audios, fotografías antigas e diversos documentos para coñecer a historia da provincia a través dos seus protagonistas: os veciños. 
Emporiso, este ano o encontro de artesáns da Pontenova contará cunha novidade que chega con feitura de Xornada de Tendencias: repensar, reciclar, renovar; unha cita que terá lugar o sábado 10 (dende as 10:30 até 16:30 horas) na Casa da Cultura. Neste caso, senlleiros profesionais amosarán técnicas aplicadas aos oficios tradicionais, conxugando innovación e tradición, co obxectivo de “reinventar e potenciar” este sector (proxectos sobre a transformación do móbel, etc). A xornada está aberta ao público en xeral e a entrada é de balde.

A programación desta xornada comeza o sábado ás 10.30h coa recepción de asistentes. 
Ás 11h, Reci-creando: por un mundo máis sustentábel. Blanca Arregui (licenciada en Dereito e especialista en social media management e redes sociais) presentará o portal de venda en liña de mobiliario reciclado Artilujos
Ás 12h, Tendencias no mundo da reciclaxe creativa, con Susana Aparicio (artista e xestora, promotora e directora do Salón Internacional de Reciclaxe e Sustentabilidade).
Ás 13h, Revivindo: unha alma nova para vellos obxectos. Participarán Marcos Ladra (artesán da talla en madeira e restaurador); Ráquel López (artista plástica e tatuadora en Camaleón Tattoo); e Javier Sánchez-Montaña (arquitecto consultor Supp Art Asistant). Amosarán, entre outras moitas cuestións, como levar a arte do tatuaxe ao sector do móbel. Exporán unha orixinal peza tatuada en obradoiros da Pontenova. 
Ás 16h, Presentación de pósters. Espazo reservado para a presentación de novos talentos e proxectos de emprendedores. 
Ás 16:30h, Descubrindo o sabor do Antigo con Chus Cano. Chus Cano é presentadora na canle Decasa de varios programas, entre eles Reciclarte, no que dá vida a pezas que estaban no esquecemento.
E seguindo na fin de semana, celebrarase a primeira ruta da moto antiga e terá lugar a Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova, que reunirá a máis de 60 artesáns e anticuarios con demostracións de oficios tradicionais en vivo na Casa da Cultura (mañá e tarde), entre eles: Cecilia Carballo Castrillón (demostración de tear), José Mª Rodil Arruñada (escultura en madeira e de forxa), Aurora Rodil (encaixe de bolillos e pintura en tea), Michelle Pío Dasilva (labores en tea e ganchillo), Jesús Iglesias (torno) e Luísa Martínez Vázquez (cestería en vimbio).

Fuente: Códigocero
Comparte en facebook e axúdasnos a chegar a máis xente.