jueves, 8 de septiembre de 2016

"Viveiro, A Pontenova e Ribadeo é onde se atopaban os meirandes núcleos que loitaron contra a ditadura"

Moncho Ermida, no porto de Foz. P.V.

Moncho Ermida: "A resistencia ao franquismo era organizada e tiña moita presenza"

Fuente: El Progreso

O resultado de vinte anos de traballo é este estudo, 'Mortos por amor á Terra', moi polo miúdo sobre a represión ao nacionalismo galego xurdido da vitoria da ditadura franquista no ano 1936

O LIBRO foi presentado na anterior edición da feira do libro de Foz e non é calquer cousa porque Ermida conta que traballou nel ao longo de vinte anos. Dúas décadas dunha vida recollendo datos e máis datos de fontes nas que non sempre é sinxelo atopar o que se busca ou ben hai que remexer entre unha morea de información confusa ou diretamente falseada polos funcionarios da ditadura. 

En que consiste xustamente o libro ‘Mortos por amor á Terra’? 
O traballo é unha publicación centrada na represión sobre o nacionalista galego ancorado en 1936 e 1950. É un periodo ben definido polo propio alzamento fascista do 18 de xullo e polo ano 50, que é cando saen da cadea os últimos presos nacionalistas e no que podemos dicir que a resistencia armada ao franquismo se atopa xa laminada na súa estrutura. 

E atopou similitudes ou liñas paralelas entre os dous periodos? 
O que define a represión franquista é unha dobre variable: a resistencia ao alzamento e ao franquismo propiamente dito que explica que o groso da represión se concentre nos concellos de Ribadeo, Viveiro e A Pontenova. Iso non quita que noutras localidades houbera tamén, pero non con esa intensidade. 

"Viveiro, A Pontenova e Ribadeo é onde se atopaban os meirandes núcleos que loitaron contra a ditadura"
E porque xustamente aí?
En Viveiro e A Pontenova explícase sobre todo polas organizacións obreiras que existían e en Ribadeo por algo parecido: a relación direta coa Pontenova polo tren e máis un desenvolvemento político superior ao que existía noutras vilas. Tamén fago unha introdución social e organizativa da presenza das diversas forzas políticas nos concellos mariñaos e noutras zonas do país. 

Que se atopou tras analizar tanta cantidade de información?
Pois merece a pena dicir que a pesares da idea estereotipada que nos venden de que era unha forza reducida a grandes individualidades, sen presenza social real, iso é unha caricatura falsa porque no ano 36 hai unha presenza social importante de resistencia: o alcalde de Viveiro; Arsenio Díaz en Ourol. En Ribadeo había xente moi relevante como Claudio e Manuel Pérez Prieto, Xesús Pulpeiro, Domingo Rodríguez... O Partido Galeguista reconstruíuse alí coas bases das Irmandades da Fala, fenómeno que tamén se deu en Viveiro, aínda que en Ribadeo no 36 hai dous militantes das Irmandades pero non do Partido Galeguista: Xosé Díaz Villamil e César López Otero. 

E logo habería noutros sitios.
Claro, a maiores diso houbo unha presenza importante en Mondoñedo ou Lourenzá con Aquilino Iglesias Alvariño, os irmáns Del Riego... 

Todo iso traducíuse en algo?
Sobre ese panorama nacen entidades como Cantigas da Mariña, equipos deportivos como Lóstrego de Lourenzá... Nese contexto é no que se ubica a semente da sublevación ao franquismo. 

"Houbo moitos militantes asasinados, claro. César Parapar era tenente de alcalde de Viveiro e fusilárono en Lugo; Soto Valenzuela que era gran amigo de Manuel Antonio"
Que hai das mortes por fusilamentos ou paseos? Houbo tantos como se di?
Houbo moitos militantes asasinados, claro. César Parapar era tenente de alcalde de Viveiro e fusilárono en Lugo; Soto Valenzuela que era gran amigo de Manuel Antonio. Pasearon en Mondoñedo no 38 a Siervo González Rivas, Graciano Díaz Amieiro e Pedro Núñez. Os tres o mesmo día na Travesía dos Remedios. 

E atopou moitos represaliados pero non asasinados?
Moitos. A cantidade é inmensa de condeados a morte e conmutados. Os ‘depurados’ do ensino foron tamén unha cantidade inmensa porque eran unhas das súas presas prediletas: os mestres. 

Todo iso esixe moito traballo. Onde atopou tantos datos?
Para construír isto tiven catro fontes. Por unha banda, o arquivo do Partido Galeguista, que parte del está no museo de Pontevedra cos libros de afiliados, o que nos da unha aproximación moi boa. Logo están as hemerotecas de prensa como a de Galicia de Mondoñedo. Logo os asasinados que eran sometidos a consellos de guerra levan aparellados causas militares que se poden consultar. Están en Ferrol. E tamén atopas cousas no Arquivo do Reino de Galicia e nos fondos dos ministerios e administracións públicas. Aínda que isto é moito, o certo é que agora tamén é máis doado consultalo todo porque moito está dixitalizado e se pode consultar por internet. 

E fontes diretas?
Tamén as houbo, claro: hai que pensar que empecei hai vinte anos así que aínda puiden gravar a moita xente. E a maiores atopei fondos documentais de dirixentes galeguistas. 

Realmente é máis do que puidera parecer.
É certo e o básico son as causas militares. Plantexan dúbidas, claro, como en calquera proceso porque contan o que lles convén, pero se o filtras, son fundamentais.

Si che gustou esta noticia dalle a "compartir" no teu facebook. Axudarasnos a chegar a máis xente. Moitas gracias.