miércoles, 14 de septiembre de 2016

«Rompín dúas costelas pero puido ser peor, xa que o golpe contra o porteiro foi moi forte»

                               
A Adrián Pasarín (Vegadeo, 1983) aínda hoxe se lle axita o corazón cando lembra o angustioso incidente que lle tocou vivir o pasado sábado no campo do Muimenta, onde o seu equipo, o Sporting Pontenova, disputaba o encontro correspondente á segunda xornada de Segunda Autonómica. Un golpe fortuíto e violento contra o porteiro local deixouno fóra de combate e tivo que ser trasladado en ambulancia ao Hospital Universitario Lucus Augusti, onde estivo ingresado ata a madrugada e onde lle diagnosticaron a fractura de dúas costelas.
- Aínda terá o susto no corpo
- Agora xa empezo a analizar as cousas doutra maneira. Rompín dúas costelas pero puido ser bastante peor, xa que o golpe contra o porteiro foi moi forte. Asusteime bastante porque ata que non chegou a ambulancia case non podía respirar.
-¿Que pensa un neses momentos de angustia?
-No único no que pensaba era en encontrar a maneira de meter aire no corpo e de tanto esforzo para respirar fixen unha leve contractura no pescozo. En Lugo tamén me fixeron unha ecografía para descartar danos no bazo.
-¿Recorda como foi a acción?
- Foi nunha xogada que se dá infinidade de veces. Balón dividido, eu vou a por el e o porteiro tamén, os dous iamos mirando ao balón e chocamos. Non hai ningunha mala intención por parte do rival, que incluso despois me chamou para interesarse.
-¿E deulle máis detalles?
-Si. Díxome que me dera co muslo, non co xeonllo. Menos mal...
-Creo que a directiva do Muimenta tivo un comportamento exemplar.
-Certo. Non querían reanudar o partido ata que chegara a ambulancia, que a verdade non tardou moito. Desde aqui doulle as grazas ao Muimenta e aos seus dirixentes polo seu interese e preocupación.
-¿Cando conta reaparecer?
-Non teño presa. As lesións nas costelas son delicadas, asi que o primeiro é recuperarse ben. Esta semana debo gardar reposo absoluto e a partir da semana que vén terei que facer sesións de fisioterapia respiratoria. Despois xa iremos vendo.