lunes, 26 de septiembre de 2016

Entrevista a Dani Moiron (Entrenador do Sporting Pontenova)


Entrevista realizada por Santi Coladas

Hoxe traemos a esta sección a Daniel Moiron Cotarelo (Rececende- A Pontenova, 1.987), entrenador do Sporting Pontenova que afronta este ano a octava temporada ó frente do primeiro equipo e que a pesar da súa xuventude xa é moi conocido polos campos de futbol de toda a provincia.


- Pontenova.es: A que anos empezáche a práctica do futbol e quenes foron os teus entrenadores nos inicios?.

Non me lembro exactamente a que idade, creo que con 10-12 anos, en categoría Infantil. Comecei xogando ao Fútbol-Sala, daquela adestrábanos Andrés Lombardero e Teijeiro. Mais tarde xa en Cadetes-Xuvenis foramos para o Cárnicos Rios (Escolas de Fútbol de Riotorto) onde nos adestraran Pulgui e logo Ángel Moirón.

- Pontenova.es: Daquela época aínda queda algún compañeiro xogando?

Si, algún queda, pero cada vez son máis os que optan por ir deixando de lado este deporte. O compromiso que require é elevado, e a sociedade esta cambiando neste aspecto. Por exemplo, Gene, xogando no Riotorto, Villi no Sporting Pontenova ou Michu no Sporting Lucense entre outros, aínda están en activo e con moito fútbol por diante.

- Pontenova.es: Cando decidiche deixar o futbol en activo e pasar ós banquillos e cales foron os motivos?

Estudiei INEF, daquela eran outros tempos e unha lesión podía complicar a situación académica, estaba xa sacando o Título de Adestrador Nivel-1 e ademais a min sempre me gustou mais adestrar que xogar. Coincidiu con unha reestruturación no Sporting Pontenova e fichei como adestrador do equipo Xuvenil, da man de Antonio Lombardero, foi aí onde comecei a miña andaina como adestrador.

- Pontenova.es: Cantos anos levas xa como primeiro entrenador do Sporting Pontenova?

Esta é a miña Oitava Temporada como técnico do primeiro equipo, dende a temporada 2009-2010. Xa van unha cantas, todos os anos comezo dicíndome “esta é a última” pero hai algo que me ata a este club, a estas cores, a esta institución que non sei describilo.

- Pontenova.es: De todos estos anos cal foi o teu mellor momento?, e o peor?.

Non teño ascensos nin descensos, o obxectivo de todos estes anos era manter e tentar consolidar o equipo en Segunda Autonómica Rexional, e así foi, polo que o mellor momento, pódese dicir que foi a Cea-Gala Fin de Temporada 2015-2016, nese intre é cando realmente me din conta de que o traballo ben feito ten os seus froitos, vendo o que medrou este club, esta institución; o equipo rexional viña de conseguir a mellor clasificación da “era recente”, cun grupo humano envidiable, o equipo xuvenil, do cal está saíndo todos os anos rapaces para o primeiro equipo e os recéns creados equipos benxamíns e alevín, dos cales os nenos/as que o forman radiaban a felicidade nas súas facianas, xunto co apoio empresarial e institucional presente, sempre incondicional durante estes anos, fan que a sensación de benestar, satisfacción e orgullo non puidese ser mellor.
So trato de alimentarme dos bos momentos, das sensacións positivas. Momentos malos houbo, claro que si, pero tento esquecelos o antes posible, que me sirvan como aprendizaxe e non me gusta recordalos. 

- Pontenova.es: Cales son os teus referentes a nivel mundial en estilo de xogo, táctica, métodos, etc,…?

Pep Guardiola, sen dubida, eu son Guardiolista. O estilo que utiliza, os métodos, a elegancia, a aposta pola canteira, as rotacións do plantel, a forma de levar os medios de comunicación cunha educación sempre exquisita e a alta motivación que consegue manter en xogadores que xa o gañaron todo. Un adestrador que busca o mínimo protagonismo e que sabe impregnar a súa propia marca persoal por onde pasa.

- Pontenova.es: De todos os xogadores que levan pasado polas túas mans hai algún/algúns que destacarías en especial e porqué?

En xeral, todos os xogadores que veñen a este club veñen para aportar, ou polo menos esa e a intención inicial de todos. Tentamos coa elección e composición dos xogadores que sexa una grupo san. Como dixo Vicente del Bosque “Un vestiario san vale mais que cen horas de táctica”
A partir diso, cada xogador ten unhas características diferentes e cada un destaca nunha faceta distinta. En termos xerais, os xogadores que mellores condicións técnico-tácticas teñen, son os mais vagos e viceversa.
Adestrei todo tipo de xogadores,  e de todos aprendín algo, xa sexa para ben ou para mal, pero cada un contribuíu para facer este club mais grande.
Podemos poñer algún exemplo, de xogadores que destacaron por riba de outros,  dende o Liderado que caracterizou sempre a Luismi Rivas, o compromiso de Maketo, Carlitos ou Villi , o olfato goleador de Pasarín ou Matelo, os chistes de Davicin, a experiencia de Hector, a calidade do Moro, Tontxu ou Jorgín, o señorío de Andres Bouza, a alegría de Luisín, o vocifero de Rubenón, o orgullo da canteira con Roi ou Borja ou o nerviosismo de Ivan Fdz e Bruno Bouza, todos eles, diferentes pero iguais, buscando o mellor para o club.
E si, habería xogadores que non quixera volver ter baixo a miña batuta nun futuro, pero sempre son necesarios neste proxecto de aprendizaxe continuo para non volver repetir os mesmo erros en ocasions futuras.
Gustaríame, nun futuro próximo volver adestrar a un xogador, que está pasando momentos difíciles, pero que, en breves volverá estar sobre o rectángulo de xogo defendendo estas cores que sempre amou, non se trata de outro que do señor Anxo Ginzo.

- Pontenova.es: Como levas o feito de que gran parte da plantilla sexan amigos teus da infancia, xente ca que sueles alternar, incluso familiares…iso dificulta a túa labor ou axúdache na xestión do grupo?.

É unha situación complicada para min, e sobre todo para eles. Teño que agradecer publicamente o comportamento deles durante todos este anos, respecto absoluto e un comportamento exemplar. Sei que non é fácil, cando con 21 anos chegas a un vestiario e te pos a fronte dun equipo, adestrando xente de 30-35 anos, que estaban curtidos neste mundillo, que xa pasaran por moitos adestradores, pero volvo recalcar que dende o primeiro momento o comportamento non puido ser mellor. É moi importante que cada un saiba onde está e o lugar que ocupa, e sobre todo saber diferenciar o persoal do laboral. Adestrei e adestro familiares, e teño que recoñecer que nunha me fixeron sentir incómodo, o contrario; quizais eles por abuso de confianza pola miña parte son os primeiro damnificados sempre.
Tamén é certo que esta condición me ten causado algún que outro problema, xa que eu o final estou aquí para tomar decisións, que as veces non gustan. Sempre tentei que os problemas deportivos quedasen nos campos de fútbol e non afectasen as relacións persoais,  pero moitas veces é difícil separar, e sobre todo hai xente que non o sabe facer.


- Pontenova.es: Esta temporada o arranque ligueiro non puido ser mellor, cales son os obxectivos cos que parte o equipo?

O obxectivo  desta temporada e o de ser un equipo competitivo, saír a competir cada partido, e si se pode, estar na zona alta da clasificación, se ningún tipo de presión, tentando desfrutar en cada partido. É unha liga moi complicada na que conseguir os tres puntos cada partido ten unha dificultade moi alta, aumentando aínda máis si xogas como visitante.

- Pontenova.es: Quizá sexa esta temporada o ano que tes a mellor plantilla desde que estas como mister do Sporting?

Todos os anos tentamos facer o mellor plantel para competir en condicións, e lograr cos mínimos apuros posibles a consecución dos obxectivos marcados. Unhas veces acertas e outras veces non tanto. É moi difícil fichar xogadores, xa que é un club que non paga aos xogadores, polo que o final si fichas xente  é por amizade ou por proxecto.
Nos inicios deste proxecto a idea era de ter soamente xente da casa, pero encontrámonos coa problemática de que moita xente válida para a práctica deste deporte do noso Concello non quere xogar, non queren comprometerse, non queren pertencer a un club serio (como se pode escoitar polos bares da vila, o típico comentario que a min me enerva “ese era bon si quixera”), polo que si queriamos medrar como equipo, tiñamos que reforzarnos con xogadores da zona e arredores, decisión da que cada vez estamos mais convencidos, tamén é certo que de momento sempre acertamos cos xogadores idóneos, e sobre todo coas persoas, que no fútbol aficionado é que mais importa.
Este ano coincidiron un cúmulo de circunstancias positivas, o fichaxe de Andrés Bouza tras anos a un gran nivel futbolístico, a volta de Bruno Bouza ou Matelo, xogadores que se se formaron no club en Categoría Xuvenil, o ascenso de Borja Lombardero ou Cristian procedentes dos Xuvenís e a fichaxe de Hector, central experimentando e que non está defraudando. Creo que a seriedade e o trato que se lle está dando a este club, e en especial a este equipo por parte da directiva e do corpo técnico, así como as actuais instalacións coas que conta o equipo, anima a xente a vir xogar aquí.
Levamos dúas temporadas cun grupo humano excelente, que en cada adestramento ou partido desfrutan e fan desfrutar,  a día de hoxe contamos cunha plantel  de 20 xogadores moi comprometidos, e creo que deportivamente un grupo moi equilibrado e cunha combinación entre veteranía e xente xove clave para esta categoría. E un luxo e un pracer poder adestralos.

- Pontenova.es: Despois de tanto tempo recorrendo os campos de futbol provinciais seguro que tes un montón de anécdotas, recordas con especial interés algunha delas?

Si, a verdade e que si, e sobre todo si vas acompañado por ilustres desta entidade como Fidel Magadán “Magico”, as anécdotas multiplícanse...
Especialmente non recordo ningunha, pero cada día en sí é unha anecdota.  

- Pontenova.es: Como te ves dentro de 10 anos?. Gustaríache dar o salto a un equipo de superior categoría ou pasar a outras facetas dentro do club?

¿Dentro de 10 anos? Non sei o que vou facer ainda o proximo ano... Teño o Nivel-3 de Adestrador, e si nun futuro si a situación laboral e persoal o permite, gustaríame adestrar en categorías superiores, emprender novas experiencias e continuar neste deporte que me apaixona. Non teño metas marcadas, polo que a día de hoxe so penso en traballar duro con este equipo, e ser capaces de brindar unha boa temporada.
Dentro do club, por sorte ou por desgracia practicamente desempeñei case todas as facetas; é un club humilde e hai que arribar todos o ombro, xogadores, corpo técnico, directiva...

- Xa para rematar, algún mensaxe que queiras dar a afición, directiva, xogadores, etc,…
Si, vou aproveitar esta ocasión para mandar algún “recadiño”:
A directiva actual e en especial ao seu presidente felicitalos pola súa traxectoria, colleron o equipo nunha situación delicada e creo que creceu moito nestes catro anos en todas as facetas, en resumo, medramos como club. A situación económica é solvente, melloráronse as infraestruturas, aumentouse o número de clubs e forxouse unha seriedade e forma de traballar envidiable. Animoos a seguir nesta liña, e aínda que as veces pareza que todo o traballo (que é moito, máis do que calquera pode imaxinar) non se ve recompensado, eu creo que non ten prezo ver a mais de 60 rapaces practicado deporte, defendendo unhas cores e un escudo.
Aos xogadores, ínstoos  a que sigan nesta liña de traballo e compromiso coa entidade. Moitos deles fan un esforzo grande para poder vestir a gualdinegra, e esperamos poder recompensalos con trato cercan e familiar. Os xogadores pasados e os xogadores do presente, dicirvos que aquí tedes a vosa casa.
A afición, que sempre os “solicitamos” cando estamos en apuros, esperemos poder brindarlles unha temporada  de ledicia. Gustaríame que o apoio fose mais grande, que aumentase o número de socios e colaboracións, que se volvese “falar de fútbol” os días de partido pola maña na feira, e que a xente acudise ao Campo como antano. Abandonouse esta tradición de “subir a Mina”, e é algo no que esta directiva está a traballar. Probablemente o espectáculo non sexa como o do Real Madrid ou Barcelona, pero acudir a un partido no cal os teus amigos, veciños ou coñecidos están defendendo a hexemonía dun Concello como o da Pontenova no deporte do fútbol, eu creo que non te prezo. 


Comparte en facebook e axúdasnos a chegar a máis xente.