miércoles, 3 de agosto de 2016

O Cura (por José Luis Lodos Ginzo)

Foto de archivo
O CURA


Don Justo Pelaio Rendueles Magdalena, naceu en Terras de Doiras, perto de Boal das Asturias, fillo de nai tecedora e amañadora de corpos e de pai mineiro en Cabaña Quinta. O seu tio avó, por parte de nai, Don Remigio María Magdalena Loureiro, capelán da feligresia de Navia de Luarca, natural de Lindín, estivo sempre pendente da familia da sua sobriña Conchita, sobor todo, porque ila non gozaba de moita saude e tiña os meniños xemelgos, Justo e Carmina, xa que  o home andaba todo ano de picador pola mina e fora dela.
A Monseñor Remigio, despois dun tempo, trasladárono ao posto de Vicario da Catedral de Mondoñedo e, ao tempo, nomearono xefe espiritual e administrador do Convento de Clausura Las Escravas do Noso Señor.
Justito era un neno moi sensibel, amigo de ir a escola, rillador de pizarros de tanto escribir
o seu nome e os números ata o dez, cuspir na pizarra e lÍmpala coa manga do xersei ;  pasaba os seráns con ista teima sentado na pedra ferreal do paso da porta, xunto a il o gato mouro Machin e o canciño Trosqui,  rosmón e regañando os dentes, co pelo do lombo alporizado e o rabo agachado antre as pernas traseiras de cada pouco aos camiñantes que non o coñecian, sempre a falsa, rillaballes nas madreñas e nos calzóns, logo fuxía aguchándose das pedradas do atacado.
Un bó día,  Remigio, presentouse na casa da sobriña para dicirlle que  Justito tiña a oportunidade de ingresar interno no seminario de Mondoñedo, pois xa falara  co rector, Don Eustaquio Garaicochea del Rio e só quedaba  unha praza.
Justito asomou pola  porta  escoitando a conversa, tirou ca pizarra e foise apreixar as senaugas da nai metendo o nariz a altura da engua e polo baixo decía:  Eu quero ir mamá, góstame vestir coma o tio. O neno, máis dunha vez,   puñera o vestido de loito da  nai, cubríra a cabeza co velo da misa e cruzando as manciñas enrriba da petrina envolvidas co rosario de boliñas mouras  rezaba, boeno rezar non sabía, rosmaba coma o Trosqui, era visto que levaba sangue de cura.
Chegou o día e marchou co tío para Mondoñedo.Só viña a sua aldea Lagüena de Doiras , agora afogada polo encoro, nas vacacións curtas do Nadal e no verán ao rematar o curso.
No tempo preciso, saiu cura, sempre lle valeo ser da familia de Don Remigio. Ordenouse o día 14 de Abril de 1931, cando se proclamou a Segunda República , vaia coincidencia. Estiveron no acto de ordenación, presidido polo vispo, Monseñor Francisco Manoel Azpeita de Tarancón, os  pais, irmá, veciños e o padrín Pancho, a madriña morrera,
O padriño, Pancho Villa Hernández, amigo do pai de tódala vida, xa dende a mile no Sáhara, tamén picador, túzaro e forte xa non falemos, se por casualidade se  atopaba co oso , iste torcíalle o camiño. Nunha  barrincada dunha galería quedou enterrado unha semán xunto a outros cinco,  todos morreron menos íl, cando o sacaron a luz o primeiro que fixo foi arrodillarse e ollando ao ceo púxose a rezar, só sabía encetar o Ave María  e ao tempo repetía unha e outra vez   que o salvara Pelaio, que entrara  dacabalo e coa espada rachou as rochas e furou no carbón ata que poido ver o día, mentras a Santina andaba cunha candea alumándolle a galeria para que virá a saida. Dende aquela amoleceu un pouco, tódolos os domingos ía a misa, cada tres meses andando a Covadonga e só picaba na mina pois os picoteos na carne de fora deixounos para sempre, decía cos estoxara.
Cando o 2 de Agosto de 1906  naceu o neno, día de San Justo Martir, houbo que engadirlle o segundo  nome   de Pelaio,  turrou Pancho ata conseguilo, pola devoción que lle tiña ao guerreiro e non houbo maneira de sacarllo dos miolos. Mon, pai do neno non logrou convecelo, ata chegou a dicirlle: “Pro Panchiño como non recapacitas e non trocas Pelaio por Pancho, pois o apelido Villa non vai levalo e xa non tera tantos problemas na vida como tí tiveches , non te lembras das trifulcas que tiveches na mile e tamén na mina  cando para envinagrarte che decian: “Ándale Panchito, invitas a un tequila y luego vamos a las chingadas antes de hacer la revolución”.
Pensa home pensa ¡,  logo mofareanse díl e diranlle, abofé   se luciron  os teus  padriños. Quedouse pensando unha semán, pro non houbo forma de reviralo.
Unha vez cura, nos rexistros da diócesis, só figura Justo P., porque a profesión de crego non é de guerreiro de espada contra mouros é de guerreiro só para salvar ialmas, según os canónes eclesiásticos. Tampouco se lle pode chamar Justito, menosprecia ao Santo Justo martir.
Don Justo, ao paso dos anos foi collendo confianza co mundo real, de crego en Taramundi durante dous anos, tivo a sorte de que  Taramundí de Asturias, co carballón, sen turistas, non  tiña Principado, nen gaitas e o que si presumía dunha casa retoral ampla, ben feita e nun punto de vixia envidiable. Ademáis, Taramundí unhos dias era il mesmo con propoia identidade, outros era Puentenuevo da Galiza, cousas que ocurren cando as fronteiras non están craras e os marcos poideran ter pés, pois si pasas Mousende cara a Conforto, dices: “Góstoche nena, vou para ahí axudarche a coidar o gando”; e si non pasas: “Te gusto nia, voy ahi y te axudo a choer les vaques” . Aquí está craro  o dito: Entre Pinto e Valdemoro.

Anterior ao cura Don Justo e a irmá Aurelia de San Vicente de Vilameá,  o noso Justo P. poido elixir parroquia, pois tiraballe ista zoa, non para vivir na retoral, cubriu a praza   e foise para unha casiña de Piegalvo ca sua nai Conchita que  tiña achaques de memoria, xa non tecía, nen amañaba corpos, calcetaba algunha media de lá para as zocas e zocos solados, reforzadas no calcañal e na punteira, pois a madeira rillaba moito onde se facía forza co pé.

O cura exerceu como  pastor de Deus, como home sen sotana, como xogador de taberna e bebedor de viño cos parroquiáns, como defensor da liberdade dos homes e cando lle peteo, caladiño, foise de Piegalvo convirtíndose nun fuxido máis.