martes, 26 de julio de 2016

Entrevista a Darío Campos en "La Voz de Galicia"

Fuente: La Voz de Galicia
Darío Campos Conde (Vilaodriz, A Pontenova, 1965). Veterinario, casado e con tres fillos, chegou inesperadamente á candidato a presidente da Deputación de Lugo polo PSOE en xuño do 2015, cando os nacionalistas se opuxeron a votar ao candidato Manuel Martínez por estar imputado. Este último rompeu a disciplina de voto e permitiu que o PP gobernase a Deputación durante tres meses. O 8 de outono foi elixido presidente Darío Campos tras desaloxar ao PP da presidencia mediante moción de censura.
-Para quen xa non o lembre, ¿Cómo chegou vostede á presidente da Deputación?
-Eu era o alcalde da Pontenova, gañando con dúas maiorías, e propuxéronme para deputado. E o 23 de xuño de 2015, unha vez que o BNG non aceptou a Manolo Martínez como presidente, todos os compañeiros elixiron a un candidato alternativo. E pensaron en min. Iso foi o que pasou.
-E vostede non quería.
-Non tiña interese ningún, porque non tiña ambición política, xa que incluso cheguei a
alcalde un pouco por casualidade. Pero por responsabilidade e para responder ao apoio dos compañeiros, unha vez falado coa familia, aceptei a proposta de presidente.
-¿Tampouco buscou a alcaldía?
-Non. A miña vocación profesional era veterinario. Porque eu coñecía moi ben o meu concello e porque me transmitía a xente que era necesario un cambio na Pontenova, xuntámonos un grupos que eramos máis ben de esquerdas e puxémonos a traballar, pero só coa intención de axudar a formar unha lista do PSOE, que levaba oito anos sen presentarse. E pasou que os compañeiros pensaron que eu era o mellor candidato. Non sei o que me viron, pero aquí estou. Estaba moi ocupado no traballo nese momento e case non fixen campaña a primeira vez. O alcalde do PP levaba 24 anos, e conseguimos a maioría. Xa cando nos vimos na metade da campaña e a xente respondía ben, dixemos, ao mellor hasta podemos gañar, e ímonos meter nunha lea. E así foi
-¿Arrepíntese hoxe de ter entrado na política?
-Non me arrepinto de nada do que fixen na vida. Pódome equivocar, e se me dan oportunidade podo rectificar, pero non me arrepinto nunca do vivido.
-¿Pensa hoxe que Martínez puido ter entrado en razón?
-Sí, eu pensei que podíamos chegar a un acordo con el. Pero era imposible porque el só quería ser presidente, e non aceptaba outra cousa. E tíñamos que buscar unha alternativa para seguir gobernando porque quedaban os proxectos sen acabar.
-¿Foi moi brando o PSOE aceptando a condición do BNG?
-Pois non sei, naquel momento intentouse negociar, pero a cousa foise endurecendo cada vez máis. E agora mesmo parece case imposible chegar a acordos.
-Mantén a pesar de todo boa relación con Martínez?
-Sí, e con todos os demais tamén. Quizais el me decepcionou un pouco, porque debéramos chegar a acordos, xa que os intereses xerais deben estar por enriba dos particulares. Hai que negociar e chegar a acordos cos outros partidos porque a calidade de vida dos veciños é o primeiro. Pero teño boa relación con todos. Quizais pola miña forma de ser, porque non son rancoroso, nin gardo odio. Sempre fun así. Aínda que entendo que hai cousas que non se deben esquecer. Como o da Guerra Civil, non se debe esquecer, pero tampouco estar lembrándoo todos os días. Unha sociedade debe aprender dos erros que se cometen no pasado. Pero outra cousa é estar co rancor encima todos os días.
-¿Cómo lle gustaría que o lembrasen os lucenses e os deputados o día que se vaia da Deputación ou da política?
-Como unha boa persoa. Iso é o que me gustaría, antes que ningunha outra cousa.

«NON ME COLLE NA CABEZA QUE A DEPUTACIÓN TIVESE 30 MILLÓNS NO BANCO»
-O BNG marchou do goberno porque dixo que foi unha traizón pactar o orzamento co PP.
-Poden dicir o que queiran, pero eran coñecedores de todo o que se estaba facendo. O único problema que había era o do regulamento, que o BNG non quería que se tocara en todo o mandato. Conseguimos o acordo de que non se tocara no primeiro ano, e o máis importante é que os veciños teñen 15 millóns de euros para investir na provincia. Porque eu vexo a política como modo de mellorar a calidade de vida dos veciños. Se aprobei o orzamento e tomamos a decisión foi por iso.
-¿Sorprendeuno que o PP quixera negociar o orzamento?
-Respectamos os acordos que tiñamos todos cos nosos alcaldes, e ademais coincidimos en cousas. As miñas prioridades son a creación de emprego, infraestruturas e políticas socias. E no que se está a investir realmente dende o inicio do mandato é no plan de emprego, no SAF (Servicio de Axuda no Fogar), nas axudas a asociacións, no plan de aforro enerxético, e en infraestruturas.
-¿E será capaz de aprobar outra vez un orzamento no 2017?.
-Debe habelo, polo ben da provincia. Creo que os cidadáns están dicindo que hai que chegar a acordos con todas as forzas políticas. Busquei o acordo político co BNG, con Martínez e co PP, e creo que non se me pode criticar porque non chego a acordos. Para unha administración que non ten débeda e que pode traballar con certa solvencia, a min non me cabena cabeza ter case 30 millóns no banco. Temos que poñernos ao servizo da sociedade para mellorar a calidade de vida dos veciños.
-¿A Deputación é unha máquina atascada e burocrática?
-Todas as administracións son difíciles nese sentido. E difícil explicarlle á xente que tés diñeiro e que leva meses poder investilo, polo sistema de contratación. Esa lentitude, en beneficio da transparencia, a verdade é que aburre, a min tamén. Cando entrei no concello é o que mais me chamou a atención era a lentitude. Porque na empresa privada resolves cousas dun día para outro.
Pero non é moito máis lenta a Deputación que un concello. As leis que lles afectan son similares.
-¿E non é un exceso ter una administración con máis de 700 funcionarios?
-Depende. Obviamente, herdamos o persoal. E hai postos que necesitan reforzos e outros que ao mellor necesitan extinguirse, como en calquera administración. Pero irase vendo pouco a pouco, segundo vaian pasando os anos, porque non se pode retirar funcionarios; dun día para outro. E ademais eu estoulles agradecido, especialmente estes días que estamos traballando a marchas forzadas, porque case vamos a inxectar 15 millóns neste mes por ter aprobado o presuposto tan tarde.
-¿Estaba moi incómodo como presidente sen orzamento?
-Cando fas algo positivo e sacas algo para adiante sénteste mellor que cando das voltas sen sentido. E houbo momentos que me sentín máis inútil. Agora co presuposto síntome más útil e tamén máis contento.
-¿Qúe vai pasar co PSOE en Galicia?
-O PSOE ten 137 anos. E a política ten ciclos bos e malos. Non é a mellor época, pero creo que vamos a levantar o voo e pelexar pola Xunta. Confío plenamente en Leiceaga. Paréceme unha persoa moi asentada, con sentido común, e moi coherente e con cabeza. Temos que estar ao lado dos cidadáns para dicirlles que estas políticas que está a levar o PP son nefastas para Galicia. Por exemplo, hai uns meses, inaugurando un edifico do Ceviovet, un señor que preside a Xunta, dixo que non se fixera nada polo sector lácteo e forestal nos últimos oito anos. Está gravado. Eu tamén o penso, pero creo que el non era consciente nese momento de que era o presidente da Xunta.
-Ao paso que vai o PSOE, quizais tamén o necesiten para algúns cargos no partido.
-Eu non quero máis cargos no partido, prefiro manterme como estou. É mellor atender ben as responsabilidades que xa teño.
-¿Volverá Besteiro á política?
-Hai que preguntarllo a el. Eu encantando de que volvera, porque foi un gran presidente, con moitos máis acertos que erros. E se temos 28 alcaldías na provincia, debeuse en gran medida a que el foi presidente.
-¿Equivocouse cando deixou a Deputación?
-O que non toma decisións non sabe se se equivoca ou non. Quizais visto agora pode parecelo, pero eu tamén o apoiei daquela. Hai que apostar na vida e tomar decisións.
-¿E vostede deixará a política para volver á veterinaria algún día?
-Non o planteo agora. Intentarei acabar este mandato como presidente e como alcalde, se non hai causa de forza maior. E no futuro xa se verá, dependendo do que digan os compañeiros.
-¿E qué vai pasar coas deputacións?
-Manteranse. É certo que non parece normal que todos teñamos todos competencias en todo. Hai que redefinilas entre concellos, deputacións e Xunta, e que cada un que se encargue das súas, porque senón o que facemos é mesturar todo, e non me gusta. Nin todos debemos ter competencias sociais, nin medio ambiente, nin outras cousas. Pero creo que as deputacións son estruturas básicas para os concellos pequenos.
-¿Que futuro lle espera á provincia de Lugo dentro de dez anos, con pouca industria, a gandería con graves problemas para producir, e a poboación moi envellecida?
-Polo que se ve, pouco se está facendo polo medio rural e por frenar a súa perda de poboación. Quizais o 90% da Mariña acabará como masa forestal, a Terra Chá, unha parte para gando e algo de turismo. Estase facendo pouco por conservar o medio rural por parte dos gobernos, e ímolo pagar porque o medio rural non se pode abandonar. Aínda que só sexa polo risco de incendios.
-As Deputacións tamén teñen responsabilidade neso.
-Bueno, moito máis a nivel estatal e da Xunta; nós temos pouca responsabilidade. Pero de todas as maneiras hai que insistir en que o medio rural é para vivir todos os días e para telo coidado. Non só para os fins de semana ou as vacacións.
-Vostede fala con convencemento porque é un home de campo, por nacemento e por profesión.
-Si, veterinario e fillo de gandeiros. Gustáronme sempre os animais e a natureza. E non me importaría ter sido gandeiro no seu momento. Non montaría hoxe unha granxa, pero se na xuventude tivera unha boa explotación, houbéseme gustado. Aínda que hoxe é unha situación moi mala para quen vive dela. Realmente é moi triste ver o campo así.

Un veterinario da primeira promoción formada en Lugo

Darío Campos é un dos veterinarios da primeira promoción saída da facultade de Lugo. Cando accedeu á presidencia da Deputación, en outono fará un ano, tivo que deixar de exercer, e por agora non sabe se no futuro volverá a operar, pero bota en falta o oficio. Por iso lle gustou fotografarse nos quirófanos do hospital Rof Codina, ao lado das aulas nas que estudou. Aínda que realmente, cando estivo na facultade, hai case 25 anos, o edificio actual aínda estaba en construción e utilizaban outras aulas próximas.