jueves, 11 de febrero de 2016

Ángel Rivas Veiga, Morreu un Mestre da Memoria


Fuente: ANTONIO REIGOSA, CRONISTA OFICIAL DE MONDOÑEDO (La Voz de Galicia)

Morreu Ángel Rivas Veiga. Este 8 de febreiro despediuse un home único, cuxo espí­rito vaga xa na soidade intanxible do cemiterio da súa parroquia natal, Xudán, no concello da Pontenova. Nacera no lugar de Eirexúa o 1 de novembro de 1924. Alí se criou e viviu con outros cinco irmáns ata que casou con Jesusa Pérez Otero aló polo 1999. Entón fixo casa en Orxás, Pousada, concello da Pastoriza, a alí­ se trasladaron para viviren ata que o sorprendeu a morte.
A Ángel coñecémolo en 1996, cando os do Equipo Chaira andabamos cos traballos de
campo para o Inventario de contos e lendas e outras manifestacións da literatura de tradición oral do concello da Pontenova. Recibiunos unha tarde de outono, convidounos a Ofelia Carnero e a min a sentar arredor da cociña de ferro, e aos poucos xa estaba engaiolándonos co seu contar. De vagar, un tras outro, ían saíndo da súa memoria fermosísimos contos que aprendera, escoitados sobre todo do seu pai, emigrante retornado desde Cuba, e tamén nas polavilas que se facían nas casas da aldea para mellor pasar as noites de inverno.
Os seus eran contos xa imposibles de escoitar: «O Castelo de Irás e Non Volverás», «O fardelo e a manta», «O ferreiro e o demo», «A gaita máxica»... e outros que publicamos no libro Polavila na Pontenova. Lendas, contos e romances (1998). Ao estudar de vagar aquel tesouro literario descubrimos que as versións dalgúns eran únicas e as doutros constituían unha aporte notable ás que se recompilaran na pení­nsula. Ángel gozou dunha vida longa, con saúde, pero non sempre amable. Foi vinte veráns seguidos ás segas a Castela, primeiro de mozo e logo de maioral. Traballou na construción de estradas e no campo, e ata quixo ser frautista e gaiteiro, aí­nda que non acabaron de entenderse instrumento e potencial instrumentista.
Como narrador oral era un home de voz pausada, dominaba ben os rexistros e as reiteracións propias do contar. Escoitalo era ter o privilexio de recuar aos tempos nos que a literatura só circulaba de boca a orella. 
Nunha das xeiras laborais traballou ao servizo dun panadeiro e nalgunha ocasión o patrón encargáballe contar contos a un seu fillo doente no leito. Mágoa que non lle durase aquela ocupación; as calores de a carón do forno non lle sentaban e tivo que mudar de oficio.
Ángel Rivas foi o único narrador oral galego que participou no proxecto La memoria de los cuentos, un documental conducido polo académico Antonio Rodrí­guez Almodóvar e mais un volume que recolle os contos e datos biográficos dos 8 narradores orais que interveñen. Mentres agardamos que o goberno español ou o galego poñan en marcha un sistema de Tesouros Humanos Vivos, unha recomendación da Unesco, a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), desde a súa sección de literatura de tradición oral, concedeulle en 2013 a Ángel Rivas Veiga o diploma que o acredita como «Mestre da Memoria».
Moitas grazas, Ángel. A lingua e a literatura deste humilde país quedan en eterna débeda contigo. Descansa en paz!