miércoles, 25 de noviembre de 2015

Rafael Lombardero

«Don Rafael», como lle chaman os veciños, na igrexa de Cuíña, onde tivo lugar a homenaxe.
En xuño cumpríronse 50 anos desde que Rafael Lombardero García (Vilameá-A Pontenova, 1942) foi ordenado sacerdote, nas Pontes. «Con oito anos trouxéronme ás Somozas porque había un mestre moi bo, Víctor Leiras Luaces, e estiven alí con meu tío cura Jesús dous anos, antes de ir ao seminario. Parte da miña vocación vén de aí. Despois botei dous anos en Lourenzá e dez en Mondoñedo», repasa. Logo de tres anos como coadxutor en Guitiriz, San Julián (Ferrol) e San Claudio (Ortigueira), retornou á cidade de
Cunqueiro, onde botou 15 anos de secretario do bispo Miguel Ángel Araújo Iglesias. E desde hai tres décadas vive na casa rectoral da parroquia de Senra, onde residía outro tío cura desde fillo de carpinteiro, con Amalia, a ama, mindoniense.
-Atende nove parroquias.
-Si, San Claudio, Senra, Cuíña, Freires, O Ermo, As Neves, San Salvador e San Cristovo de Couzadoiro, e Devesos. Cando vin era párroco de Cuíña e encargado do Ermo, e axudáballe a meu tío en Senra. Foi pasando o tempo... Nunha época estivemos dous curas levando 12 parroquias e desde hai nove anos teño nove eu só.
-¿Esta situación vén dada pola falta de vocacións?
-Ese é un problema. Moitos dos curas que estamos no rural somos curas en paro, porque só tes traballo o sábado e o domingo (aniversarios e misas dominicais), e cousas puntuais coma un enterro. Hai que intentar facer unidades pastorais, coller unha zona e ver as necesidades que ten para aproveitar o persoal.
-¿Como se organiza?
-O domingo digo catro misas, fóra dun enterro, nas parroquias máis grandes ou de maior asistencia. Nas que hai moi pouquiña xente só vou unha vez ao mes.
-¿Que problemas ve no entorno rural no que se move?
-A despoboación. Teño algunha parroquia na que levo dez anos sen bautizar a ninguén (As Neves ou Devesos, as máis de montaña, porque moitas familias viñeron vivir abaixo). Hai 15 anos do Ermo e Insua baixaba un coche de 55 prazas cheo de nenos e hoxe veñen cinco ou seis. Non hai nenos e a xente maior vaise imposibilitando, se falece un o outro vaise cos fillos ou a unha residencia. Neste concello sempre houbo preocupación en Servizos Sociais coa axuda a domicilio, é moi válido porque se non moita xente queda case na inanición.
-¿Que tarea lle queda ao cura?
-Moitas veces nestes ambientes estás para acompañar, recíbente encantados nas casas, aprecíante. Temos organizado asambleas parroquiais, asociacións de veciños... E tiveran unha vitalidade, pero chega un momento en que non se fai nin a lotaría. Tamén o mundo de hoxe cambiou moito, xa lles digo que dentro de pouco non van ter cura as parroquias. Antes en todas había escola e taberna para botar a partida e comprar... ¿E o día que quede un cura para 27 parroquias? Temos feito experiencias cunha catequista que facía unha pequena celebración o domingo, pero como non hai misa a xente non vai.
-¿Cantos quedan na zona?
-En pouco só quedará un cura en Cariño e outro en Ortigueira (agora son dous). De Senra a Cedeira xa non hai ningún residente, e de Ortigueira ata Viveiro tampouco. Os aniversarios vanse ter que facer nun sitio céntrico, como Ortigueira, un para pedir por todos os falecidos ese mes, pero non vai poder ser misar aquí e alí, ás veces tes cinco persoas, tres, unha ou ningunha na igrexa. Son fillo de labradores, pero o mundo rural morre, estase subsistindo grazas aos subsidios. Se non, moita xente estaría, ou estariamos, na miseria, porque eu son un xubilado máis.
-¿Por que se quedou aquí?
-Tres veces me pediron cambiar (para mellorar, supostamente) e non aceptei. Síntome moi contento porque me sinto aldeano, como viña de estar co bispo dicían ?pouco ha parar aquí, se está contento e non quere medrar aquí querémolo?. Síntome querido, ao levar moitos anos a xente faite deles, anque ás veces tes que tirar un pouco do cordel (...). Ogallá a xente ás veces fora máis crítica co meu traballo (...). Conséguese máis cunha gota de mel que cun barril de vinagre... E sentido común. Gústame cantar nas misas e nalgunhas parroquias teño a satisfacción de que ás veces sentes cantar aos homes, que eran reacios. Moitas cousas que predicamos non quedan, pero as do canto quedan máis.
rafael lombardero garcía cumpre 50 anos de sacerdocio