lunes, 30 de noviembre de 2015

ESTUDANTES E A DILIXENCIA



Por José Luís Lodos Ginzo

Aló polo serán dun venres, anos setenta, véspera dunhas vacacións, andábamos a rebolir polo Eijo Garay a “Tribu da Pontenova”, nome acollido con agarimo na convivenza colexial. Éramos moitos, polo menos unha ducia en c.o.u, logo había máis noutros niveis, todos do concello da Pontenova. Pais e mestres dista zoa que naquel tempo  fixeron moitos esforzos para que chegaramos a saber máis cas catro regras.
Ouviamos o reter do motor e chiar dos freos baixando a costa, xa  na porta principal,
coas fardelas brancas, agardábamos o asomar dos fuciños do coche do Chino. O Sr. Manoel Veiga apreixando o volante e  torcendo o tronco ao coller a curva a esquerda, entraba triunfal no  patio de bandeiras, ladeábase  a carrocería e ao tempo escarrapataba na preta terra como toupa que ergue o chan, ata arrimar as escaleiras ónde estábamos, logo en punto morto retembraba ao relentí e recuperaba folgos. Cando os espectadores doutros lugares eran numerosos,  rachaban o silenzo cun aplauso e   vociferaban: ¡ xa chegou a dilixencia da Pontenova¡. Nós, co orgullo que sempre mantivemos, repostabamos: Adeus  amigos, avisade con sinais de fumo cando cheguedes ao voso fogar a pé ou andando.
O Sr. Veiga, con xeito sosegado, deixaba a roda, acomodaba pucha e gafas e ao pé do coche, dicía: ide sentando, ainda teño que ir polas rapazas ao outro lado. Pechadas as portas, daba chave, aceleraba e, cun sorriso pecho, deixaba afumados aos chourizos que quedaban na porta, nós, je,je, agora non berran carallo. Si a entrada fora de emoción a saída non che quero dicir, desfacendo as curvas como si foran madeixas de lá, engatando pola costa ata o parque Rosalía, sen queixas do motor, daba a sensación de que a rubia (non rapariga loira) podía máis cargada que baleira ou quizaves ía contenta coa tropa, xa éramos familia.
Asentos para todos endexamáis faltaron,  non había cartel de completa, naide de pé, sempre aparecía un recuncho ónde por un tallo, mobiliario incorporado por un siacaso, a sensación era de comodidade, o traxecto, máis ou menos, de tres horas, para nós nen o actual ave. Todos mesturados, coa nosa feira de contos, deixábamos a Fervedoira cara a liberdade por úns días.
Non lembro ter frio ou calor dentro da rubia, temperatura axeitada, fora carrozada en chapa e madeira, pintada de soave marrón, acolledora. O Sr. Manoel, como bo galego, gostáballe a retranca, empregando verbas de insulto sin selo para quen ou quenes non lle eran de confianza só polo feito de ser chófer. Unha vez, cando viñamos por terras de Meira; por certo, xa había garda civil de tráfico, ainda que abundaban máis os carros e bicicletas cós coches;  ao sair dunha curva en Torneiros, como dous pantamas, arrimados as motos brancas e gardabarros mouros, estaba a parella, ún ollando cara a Lugo, outro desembocadura do Eo, ben encorchetados, con coiros mouros, cinto de fivilla amarela e pistola a dereita, casco branco, calzón preto en sionllos, botas e polainas, impoñian, nembargantes o noso conductor, como bo guerreiro, percatouse, ou sexa cheiroulle, a emboscada, entrou a fondo e saiu tocando  freo  sen espamentos, naide lle deu o alto, logo, controlando o espello da esquerda, xa sen perigo, rosmou polo baixo: Quedan ahí os do Corazón de Xesús. O nome santoral era porque os gardas levaban unha chapa dourada, con releves de signos e verbas do corpo, no lado esquerdo do chaquetón de coiro, boeno onde se exhiben os méritos dos soldados. O traxe e complementos, con todolos respetos, mui parecediño a disos moteiros americáns que van en fatado dun lado para outro impoñendo a lei das estradas con pintas de poucos amigos.
A autoridade, ao paso do transporte, non lle daba tempo a contar os pasaxeiros, dentro ollabanse cabezas, brazos abaneos e xestos, o asento do  Sr. Veiga reducirase, encaixado antre os copilotos da esquerda e da dereita, daba a sensación ca rubia mesmo era o coche fantástico, facóa o percorrido de memoria, incluida a baixada do Marco que para os lugareños era o Himalaia.
Por fín na Pontenova, xa é noite, pasouse ben a viaxe. Cadaquén para sua casa, non sen antes quedar  para o día e hora de voltar para cidade das murallas.

Era unha sorte poder estudar e ao tempo  ter a Dilixencia da Pontenova, identidade nosa ao ser cáseque imprescindible para  ir e vir , con chuvia ou sol,  un servizo exclusivo noso. Nunca houbo susto, nen percance nos traxectos. Que maneira de fungar cando pedía terceira. Este  itenario do estado de Texas verde-Terrá Chá e Miranda-, tamén o fixo guiando o Manolo, xenro do petrucio, xa en rubia máis moderna, sen fuciño, azul e branca, máis patriota, pro non tan enxebre.