martes, 16 de junio de 2015

«As pezas funas sacando de oído, que estudos non teño»

Destacan de Siderio de Vilarmide o virtuosismo co que toca a gaita aos seus 83 anos.
«É un dos gaiteiros dos que xa quedan poucos», din de Desiderio Sampayo (A Fonsagrada, 1931), máis coñecido como Siderio de Vilarmide na Pontenova, onde hoxe Canela presenta un libro-disco enteiramente dedicado a el, igual que fixera con Nela de Bres na colección de tradición oral da editorial. Será na Casa da Cultura a partir das 19.30 co músico protagonista e os autores Pablo Quintana e Daniel Carballo.
-Será o seu primeiro disco.
-É o primeiro. Está un contento porque verdaderamente é unha cousa que desexaba. Foi a
miña afección tocar a gaita dende pequeno. Aos oito anos xa empecei cun punteiro e aos dez me completaron a gaita. Fun sacando as pezas de oído, que estudos non teño. Dende os 25 anos que marchei polo mundo adiante a buscar a vida ata os 50 estiven sen tocar a gaita. Pero despois próximo a retirarme pois volvín a collela outra vez e fun recuperando un pouco do que esquecera.
-Aos 83 anos toca a gaita con moito virtuosismo, din de vostede.
-¡Non é tanto! Son un do montón. Toco xotas, muiñeiras, rumbas, valses e pasodobres... o típico pero non teño estudos de gaita. Meu pai era gaiteiro tamén e quizais de aí me saiu a afección, porque o oía tocar a el.
-¿Como foi cando se escoitou?
-Un dos que colaboraron para gravar e levaban a cousa me puxeron un día o disco e gustoume. Colaboran dous colegas meus. Un, Costante de Valiña e Modesto de Murias. Son 21 temas.