jueves, 7 de mayo de 2015

Entrevista á candidata polo BNG na Pontenova: Mónica Rancaño

(Mónica Rancaño)

Entrevista realizada por Santiago Coladas

Empezamos esta "triloxía" de entrevistas cos candidatos á alcaldía da Pontenova con Mónica Rancaño, quen se presenta polo Bloque Nacionalista Galego. 

Ela mesma nos fai unha pequena presentación da súa persona antes de pasar ás preguntas:

Chámome Mónica Rancaño Freire e nacín fai 35 anos en Vilaeimil, parroquia de Vilaboa. Estudei en Lugo, na Universidade de Santiago de Compostela,  Enxeñería Agrónoma,  e complementei a miña formación cun Mestrado en Xestión e Dirección de Empresas. Desde o 2009 son a xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural que inclúe
varios Concellos de Lugo,  abarcando tamén o da Pontenova, onde xestionamos fondos europeos adicados a investimentos en proxectos de empresas e explotacións agropecuarias.  Entre as miñas afeccións ademais do cine e lectura, atópanse as actividades ao aire libre, sobre todo senderismo e montañismo cos que intento descubrir dunha nova maneira recunchos do noso País. Para desconectar tamén me gusta recuperar e restaurar mobles antigos. Levo un ano estudando alemán, por iso de se hai que emigrar no futuro como fixeron nosas nais e pais, feito que vexo cada vez mais preto senón mudamos as cousas entre todas e todos.

Pontenova.es- ¿Qué foi o que te levou a meterte en política por primeira vez?
Foi xa fai 8 anos cando Guti me propuxo ir na lista do BNG da Pontenova e eu aceptei sen dubidar. Para min era unha ocasión de poder formar parte dunha equipa para  cambiar as cousas no meu Concello que levaba vinte e pico anos sufrindo políticas caciquís do PP, estancado e sen visos de ter un futuro digno.

Pontenova.es.- ¿Qué lle dirías a un veciño da Pontenova para que te votase nas próximas eleccións de Maio?

Ao meu entender a pregunta está mal plantexada. Creo que é un erro pedirlle a unha veciña ou veciño que voten a unha persoa en concreto. Todas e todos temos que entender que cando votamos, estamos a elixir unha opción,  unha ideoloxía, unha forma de facelas cousas, e baixo esa premisa, facelo con responsabilidade. Na Pontenova temos ese exemplo desde fai mais de 30 anos. Primeiro un goberno do PP con políticas impostas desde fóra que o único que fixeron foi paralizar a actividade do pobo,  e desde fai  8 anos mais do mesmo, nos que o goberno do PSOE se preocupou mais en manter os soldos do alcalde e tenente alcalde que en facer verdadeiras políticas que busquen o desenrolo do noso Concello.  
                Os Concellos do BNG son muro de contención fronte ás políticas dos recortes sociais, das portas xiratorias, da falta de transparencia. Son Concellos en que se defende o ben común, as persoas son a prioridade e en que se demostra nos feitos que hai outra Galiza, viva, en marcha. Queremos desenvolver o territorio para xerar emprego, fixar poboación no rural, protexer os servizos públicos, combater a exclusión social e garantir a vida digna de todas as persoas, comprometerse coa igualdade, potenciar a nosa lingua e a nosa cultura.

Pontenova.es- ¿Pódesnos avanzar máis ou menos a túa candidatura de cara a conocer os teus colaboradores?
Pódoche dar a lista completa que forma a candidatura do BNG da Pontenova:
1. Mónica Rancaño Freire
2. Jorge Gómez Rico
3. Carmen Otero Ruiz
4. Manuel Rodríguez Méndez
5. Xián Rodriguez Puente
6. José Antonio Garcia Freire
7. José Luis Gutiérrez Rivas
8. Jose Antonio González Rego
9. Antonio Diaz Lombardia
10. Manuel Valcárcel Lastra
11. Pablo Méndez Diaz

Pontenova.es- ¿Cales crees que son as necesidades prioritarias para o noso Concello nos próximos anos?. 
Hai que traballar cara manter a poboación no Concello. Isto é básico, xa que sen xente nada funciona. Para iso é fundamental facer políticas dirixidas a manter e mellorar os servizos públicos e buscar dinamizar o pequeno comercio e o sector agrogandeiro. O goberno municipal non se pode limitar a amañar fochancas nas carreteras e rozar as cunetas, hai que facer algo máis.

Pontenova.es- No tempo que levas na oposición, ¿Cales son os principales inconvenientes cos que vos encontrais?
Mais que inconvenientes, podo dicir que logo destes 4 anos na oposición como Concelleira do BNG me atopei con moita incompetencia e incapacidade nas persoas que nos gobernan. Moitas veces teño a impresión de que se nos rexeitan propostas e iniciativas unicamente porque veñen do BNG, buscando un interese electoral, e non pensando realmente en mellorar  a calidade de vida das veciñas e veciños do Concello.


Pontenova.es- Que lle dirías a unha parella nova para que se quedase a vivir no concello e non se fose a Lugo, Ribadeo, Foz,etc,,,?
O que mais  nos limita aos xóvenes para poder quedar a vivir aquí é evidentemente o traballo, e senón se dan as condicións para poder telo , faise complicado, porque ademais as comunicacións co Concello non son as mais idóneas.   

Pontenova.es- Cales van ser as principales líneas de actuación do voso partido a nivel municipal en materia de Industria?.
As posibilidades de actuación do Concello nesta materia son certamente limitadas, xa que a Xunta é quen conta coa competencia neste sentido, co que se precisa da súa colaboración para realizar grandes inversións neste senso, sen embargo, hai decisións que se poden tomar desde o Concello: ordenación do solo industrial ca aprobación do Plan Xeral de Ordenación Territorial, creación dunha Comisión integrada por empresarios e representantes do sector xunto con membros do Goberno Local que se reúna periodicamente na cal se poidan expoñer as súas demandas e necesidades, mellorar as vías de comunicación co Concello, ofertar  solo industrial e axeitar o seu prezo a situación actual,…

Pontenova.es- E deportes e xuventude?.
A Pontenova foi, e é aínda,  un Concello no que tradicionalmente  houbo unha gran variedade de oferta de deportes a practicar, sen embargo, esta oferta case nunca vén do Concello que se limita ao fútbol e pouco mais, e son as  Asociacións deportivas e culturais as que están a suplir este traballo, asumindo moitas veces a educación deportiva das cativas e cativos. Hai que inverter esta situación e darlle a importancia que ten ao deporte na xuventude e os valores que transmite.

Pontenova.es- E servicios sociais?
É básico mellorar e ampliar o servizo de axuda no fogar e a posta en marcha dun centro de día. Isto será a nosa prioridade. Sabemos que os servizos sociais non están a funcionar o ben que deberan. Neste sentido recibimos moitas queixas de usuarios que nos din que  hai moitas persoas que non reciben as horas necesarias e outras que están á espera para facelo.

Pontenova.es- Cal crees que sería o soldo xusto para un alcalde dun municipio como o noso?
O noso Concello debe, a día de hoxe, mais de 500.000 €, como consecuencia da mala xestión dos gobernos de Enrique (PP) e de Darío (PSOE), que estiveron mais preocupados en asfaltar entradas a casas e nos seus beneficios persoais  que en facer unha verdadeira política a longo prazo para as veciñas e veciños que buscara un verdadeiro desenrolo  económico, demográfico e industrial. Para pagar esa débeda, o goberno do PSOE tomou a decisión de subir as taxas e impostos municipais, nalgún caso ata o 150 %, mantendo, por certo, os seus custes salariais que ascenden a 100.000 € anuais. Optaron por incrementar o custe de servizos básicos como o abastecemento de auga, servizo de axuda no fogar, alumeado público, recollida de basura,…. independentemente da renda das familias e da súa capacidade económica. Tendo en conta isto, desde o noso Grupo entendemos que a  alcaldesa ou alcalde da Pontenova no pode cobrar un soldo público financiado co diñeiro de todas e de todos mentres non se solucionen estes problemas financeiros e estean cubertas tódalas necesidades básicas da poboación, e que isto é posible se o compatibiliza ca súa actividade laboral.

Pontenova.es- Cal crees que é a túa maior virtude como candidata?, e o teu maior defecto?
Son xoven, con gañas de traballar, gañas de cambialas cousas, sobradamente preparada  e coñecedora do que é a Administración por dentro. Non  pretendo enriquecerme ca política coma outros, non teño esa ambición, vivo do meu traballo. Pertenzo a unha organización política que se preocupa das persoas, que goberna para elas, tomando as decisións aquí, en Galiza, sen que veñan impostas desde fóra. 
Como defectos, teño moitos, pero creo que a timidez é algo que teño mellorar.

Pontenova.es- Xa para rematar, algunha cousa máis que nos queiras comentar?.
Ultimamente escoito bastante a miúdo a persoas dicir que son apolíticas, que isto da política non vai con elas, que todos son iguais,  e a min vénseme a cabeza  Bertold Brecht, un dramaturgo e poeta alemán, que deixou isto escrito:  
"O peor analfabeto é o analfabeto político. Non escoita, non di, non participa da vida política da súa nación. Non sabe que o costo da vida, do pan, da fariña, do vestido, do zapato e das menciñas, dependen de decisións políticas. O analfabeto político é tan burro que se enche de orgullo  e  ensancha o peito dicindo que odia a política, que é apolítico. Non sabe que da súa ignorancia política nace a prostituta, o neno abandonado, e o peor de tódolos delincuentes que é o político corrupto, o servil lacaio das empresas multinacionais”
Fai máis de 50 anos que morreu pero o texto segue valendo para ilustrar a importancia que ten o noso voto hoxe. Para aquelas e aqueles que din que non lles interesa a política, dicirlles que a indiferenza non arranxa nada, simplemente permite que a mesma xente siga a manter o poder, xa sexa polos votos por inercia ou pola abstención, facendo e desfacendo ao seu parecer.
 Depende de nós cambialas cousas.
Para rematar, so quería lanzar unha invitación aos outros dous candidatos, Darío e David: propoñerlles un debate durante a campaña electoral  nun espazo público, que podería ser o Salón de Actos da Casa da Cultura, entre os tres candidatos para que as veciñas e os veciños da Pontenova puideran coñecer de primeira man as propostas que cada grupo lles temos que ofrecer.