lunes, 16 de marzo de 2015

OS ARTISTAS DA PEDRA E BARRO


(Casa de pedra de fai 150 anos no Vilar das Pedras)

Relato e foto enviados por José Luis Lodos Ginzo (Lilo)


Podemos dicir, de forma xenérica, que as casas do rural galego foron feitas por canteiros que non só artellaban as paredes e tellados, senón que, ao tempo, proxectaban nos lugares indicados o que ía ser a edificación, en canto a forma, orientación, locais e luz.
Os propios canteiros tiñan que arrincar a pedra da canteira e o barro da barreira, posto que, en  algúns casos a obra era presupostada a prezo pechado, ainda que, na maioría, o pago era por xornais e mantidos polo promotor.
En Galicia rural o ter casa propia deuselle máis importancia que matar a fame, ainda co bandullo ruxira ao non estar atoado, o caso era dispoñer dunhas paredes e tellado que tornaran da chuvia e do frio. Si o pensamos é lóxico, mellor atizar a lareira e mañán será outro día.
Esta é terra de canteiros, non todos bos, pro que se incluian no gremio, ata podía que souberán falar o
barallés, ainda que as laxas de todolos tamaños se lles buscara o xeito con barro dabondo.
As Terras de Miranda deu canteiros de caste que se lles pode chamar artistas da pedra e barro, ahí permañecen as casas de paredes aplomadas, amosando a armonía do puzle  cos nervos amarelos do barro e cos cantos das esquinas onde se atopan as ringleiras de pedra co remate das máis fermosas, grosas, do mesmo xeito nas portas e fiestras, de diferentes tonalidades que semella ao arte pictórico árabe.
As nosas casas son testemuñas da sua propia construcción, dos nacementos de persoas e gando, de mortes, de festas, de guerras, son seres viventes centenarios que siguen erguidas afrontando o presente cas pedras no mesmo so e coas bigas de castaño ou carballo fecundando o seu ventre para asegurar os chans e manter o equilibrio das paredes. O barro, xunto coa auga, ben amasado sirve de leito a pedra que con agarimo abraza e asoma polos cantos o nariz e torna da chuvia    para que resbale e non entre.
Coñecín poucos canteiros, tocoume de ir a cavar barro e amasalo, cousa nada doada, pegase moito, pois, meu avó que tivo que facer unha parede nun cabañon perto da casa. Era un bo canteiro, de feito, adicouse algo a esta profesión. Lembro que escollía as pedras, despois de fotografiar ca mente o sito onde poñelas, logo quitaballe, co martelo de pico, anacos algunhas delas ata que o asentamento era o correcto. Cada pouco, plomada a parede.
Aprendeu o oficio dos canteiros veciños, Daniel de Moirón, mestres da pedra, de feito a miña casa de cen anos, está feita por estes artistas,  pai e familia do nomeado.
Sinto orgulllo ao dicir que no Vilar das Pedras houbo uns canteiros de talla e nesta aldea permañecen casas feitas por estos artistas e en outras moitas aldeas do concello de A Pontenova e fora dél.

As paredes dereitas como fusos demostran cas mans que as moldearon foron mans de artistas da pedra e barro e con elas permanace a sua arte para os tempos vindeiros.