martes, 13 de enero de 2015

Uns aneis que serven para facer vudú


Michel Houellebecq. AEP

MANUEL SICART leva un anel engarzado nun dedo. O motivo é unha caveira, lembro. Non sei se lembro correctamente, pero prefiro lembrar unha caveira coma aquela coa que dialogaba nun programa televisivo. Unha caveira é un indicador de estrada que dirixe á fin do tempo. Cando atope a Sicart en Lugo hei pedirlle que me amose o anel e preguntarlle se serve para «facer vudú» coma os que leva o escritor Hanif Kureishi.
Fuente: El ProgresoJaureguizar / @Jaureguizar
 Dende que Sicart me falou do seu anel quixo parecerme que pertencera a Jimi Hendrix. Convencime de que o guitarrista llo regalara en Woodsotck. O mito fascina máis ca verdade. Sicart contoume que estaba en Nova York o 15 de agosto de 1969 -explicoume o que facía un rapaz da Pontenova en Nova York, pero son incapaz de pescalo na memoria-. Alguén berrou: «Hai festa en Woodstock!». Alí marchou medio millón de rapaces, en coche ou en bicicleta. «Eu fun andando», aseguroume Sicart, que nunca descoida adornar a narración. Por algo gañou un premio Ondas.
O importante non é o concerto, que nin se celebrou na vila de Woodstock, senón nun campo de alfalfa de Bethel. O importante non é que reunisen a Hendrix, Joan Baez -en marzo actúa en Santiago-, Santana, a Credence Clearwater Revival, o recén finado Joe Cocker -xa daquela cantaba retorcendo as mans-, The Band e Johnny Winter. O importante é que cada asistente a Bethel representa unha peza do puzzle que supuxo a lenda de Woodstock.
Murguía tamén viviu o hippismo, uns anos sabáticos de despreocupación hedonista e de celebración da solvencia paterna no Madrid de mediados do XIX.
Na madureza consagrouse á construción do mito tribal -«El día en que las tribus célticas pusieron el pie en Galicia concluyó el poder de los hombres inferiores en nuestro país»-. O seu discurso étnico non fracasou polo ridículo, senón pola carencia de solidez científica. Porén, serveulle a Murguía de erro didáctico para elaborar a súa obra mestra: Rosalía. O cerebro do Rexurdimento logo detectou o talento singular da súa muller, polo que se encargou de levala ao Salón da Fama: afondou na complexidade da súa escrita e queimou aquelas cartas que a mantiñan apegada ao cotián.
Ese mesmo intento de idealizar un xenio da literatura descríbeo Hanif Kureishi na súa última novela, ‘La última palabra’ (Anagrama). A materia prima é Mamoon Azam, un escritor desprezable; non como a (cuase) virxinal Rosalía. Azam -malia que Kureishi tire o texto e esconda a man- é sir Vidiadhar S. Naipaul.
O hindú Azam e o trinitense de orixe hindú Naipaul comparten biografía: chegaron á metrópole de Londres dende unha colonia, maltrataron cruelmente a primeira muller e humillaron con sadomaquismo extremo a segunda. ‘La última palabra’ comeza cando a dona de Mamoon Azam lle encarga a un rapaz brillante unha biografía -unha haxiografía, máis ben- do seu home tras concienciarse de que a baixada das vendas dos libros impide manter erguida unha casa na campiña inglesa e o persoal de servizo que require.
A muller anima a Azam a aplicar o modelo de Harry Powell (Robert Mitchum) en ‘A noite do cazador’, a película de Charles Laughton: sendo un malvado que persigue un Hansel e unha Gretel, predica o ben. Nun puño pintou a palabra ‘amor’ e na outra, ‘odio’.
Ese mesmo equilibrio moral serve de contrapeso nas mans coas que escribe Kureishi. En cada unha leva un anel «que serve para facer vudú». Un emana vudú positivo e o outro, negativo. Sicart, máis discreto, carga con ambas as enerxías nun único anel. Adoita contar que llo encomendou unha meiga de Nova York. «Advertiume de que morrería se o quitaba», avisa con xesto grave.
Khureishi deconstrúe a Naipaul sen cortesía. Antes deconstruíra o seu pai, pero acolchando con misericordia a súa lembranza. Shanoo Kureishi «sabía» que deixaría de ser funcionario da embaixada paquistaní en Londres para triunfar como novelista. Escribiu novelas e novelas que ninguén aceptou publicar, mentres o seu irmán Omar Kureishi prosperaba como literato en Paquistán.
Shanoo Kureishi padecía porque era incapaz de valorar que vivía no Londres que absorbía toda a enerxía e o talento chegado das estremeiras do seu imperio, sen que unha crise que alentase argumentos racistas. A xenofobia, como a homofobia, é un relato mítico e xeralizador proxectado en negativo.
O seu fillo Hanif regresa en ‘La última palabra’ á descrición dos abismos de clases e procedencias que xa fixera en ‘El buda de los suburbios’. Hanif Kureishi sábese británico branco, pero Naipaul sospeita, horrorizado, que aínda non o asimilaron malia levar 65 anos na metrópole. O escritor nacido en Trinidad procede dunha familia de bramáns instalada nunha casta superior, polo que desdeña a negros e caribeños.
Mamoon Azam ten bastante semellanza co actor Sebastian Nell, o personaxe que protagoniza a xenial ‘Máscaras rotas para Sebastian Nell’ (Galaxia), de Alberto Ramos. A carreira interpretativa de Nell avanzou en sentido inverso á dos seus coteáneos Laurence Olivier, Dereck Jacobi e Charles Laughton. Sebastian Nell é un ‘gentleman’ tan conservador e homófobo coma Naipaul, quen cualificou de «homosexual desagradable» a E.M. Foster. Curiosamente, Foster narrou en ‘Unha pasaxe á India’ as relacións entre os antepasados hindús do trinitense e os colonizadores británicos.
Na novela, Nell concede con apatía a derradeira entrevista a unha redactora de The Guardian. Confesa coa valentía do desesperado. «A peste leve a todos os covardes», cita a Shakespeare.
O seu racismo é depuradamente taimado; é dicir, británico. Os ingleses aseguran que «a negritude empeza en Calais», aínda que os franceses desprazan esa fronteira ao sur matizando que «África empeza nos Pirineos».
A xenofobia gala é explícita. Os seus intelectuais exhiben ese menosprezo sen disimulo. Houellebecq vén de publicar ‘Sumisión’, (Flammarion), unha novela na que imaxina un pacto entre Hollande, Sarkozy e Bayrou para evitar que Marine Le Pen goberne. O acordo supón entregar o poder a Ben Abbes, un francés musulmán.
É unha mágoa que Houellebecq malgaste o talento en buscar escándalos e vendas con esta ficción tan cínica. Inesperadamente, viñeron darlle a razón uns vixilantes da Verdade revelada que combaten a sátira feroz coas armas na cerna parisina de Europa. «Secaron o leite da benevolencia humana», como buscaba Macbeth co seu asañamento.
Debe de entender, con Naipaul, que «irritar a xente é un xeito de saber que as túas palabras seguen tendo un efecto. Se non o teñen é que entraches no ciclo de morrer». Ese é o ciclo no que xa está Sebastian Nell, coñecedor da frase de Hamlet: «É esta a ganancia da súa ganancia e o cobro das súas cobranzas; vir rematar nunha caveira chea de lama?».