lunes, 19 de enero de 2015

Máis de 140 trámites coas administracións, á distancia dun click


A Deputación de Lugo desenvolveu entre 2009 e 2011 unha primeira fase do plan Innova-TE, dotada con 9 millóns de euros, achegados nun 80% pola Unión Europa. Nese momento, a Deputación ofreceu a tódolos Concellos da provincia –excepto ó de Lugo, pois xa é destinatario doutros proxectos europeos- a posibilidade de sumarse á iniciativa para beneficiarse dos seus investimentos. Adheríronse voluntariamente 49 Concellos de todas as cores políticas.
Os 49 Concellos do Innova-TE son os seguintes: Abadín, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cervo, Chantada, O Corgo, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita, A Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, Sober, Taboada, Triacastela e Viveiro.

Coa primeira fase do Innova-Te, a Deputación aforroulle a cada municipio uns 300.000 euros na implantación da Administración Electrónica, un servizo que as administracións públicas están obrigadas por Lei a ofrecer á cidadanía, e que permite ós veciños facer trámites coa administración pública a través de Internet, sen ter que desprazarse ó consistorio, o que lles aforra tempo e diñeiro. Os lucenses poden facer a día de hoxe 143 trámites on line coa Deputación e 49 cos Concellos.

As entidades locais recibiron tamén asesoramento personalizado e in situ para os seus traballadores coa fin de implantar a administración sen papeis; creáronse Intranets corporativas con diversas ferramentas; mellorouse a conexión a Internet con banda longa; modernizáronse portais web; e dotouse ós consistorios de material informático e tecnolóxico. 
A boa xestión que fixo a Deputación da primeira fase do Innova-TE foi premiada pola Unión Europea concedéndolle unha segunda fase, denominada Innova-TE2: Deputación Dixital, e incrementando a súa contía económica ata os 15 millóns de euros, igualmente achegados nun 80% pola UE. Esta fase é a que a Deputación ten nestes momentos en marcha e da que forma parte o paquete de 8 novos servizos tecnolóxicos ofrecidos ós Alcaldes na misiva que lles foi remitida hoxe.

En cambio, os municipios que se negaron a entrar no proxecto son: Antas de Ulla, Alfoz, Bóveda, Barreiros, Cospeito, O Courel, Ourol, Outeiro de Rei, O Saviñao, O Vicedo, Trabada, Xermade, O Valadouro, Pantón, Guntín, Vilalba e Xove. Polo que respecta ó Concello de Foz, a pesar de terse adherido nun principio ó plan, rexeitou o novo paquete de 8 servizos tecnolóxicos que lle ofreceu gratuitamente a Deputación, dentro da segunda fase do Innova-TE.