viernes, 28 de junio de 2013

Esquela funeral Primitivo Rodríguez Rancaño "Casa Apulinar - As Cancelas" - A Fonsagrada


A Xunta desprega preto de 1.200 efectivos nos montes da provincia de Lugo para loitar contra os incendios forestais este verán

Lugo, 28 de xuño de 2013.- A Xunta de Galicia despregará un operativo de preto de 1.200 efectivos nos montes da provincia de Lugo para loitar contra os incendios forestais este verán, segundo o previsto no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga).

Así o explicou hoxe a delegada territorial, Raquel Arias, quen destacou que a colaboración da Consellería do Medio Rural e do Mar cos concellos permitirá dispoñer de 77 brigadas municipais conveniadas pola Xunta e os concellos, que significan arredor de 400 persoas máis traballando na prevención e extinción de incendios na provincia.

Os dispositivo complétase cos preto de 700 traballadores propios da Xunta ou ben contratados a través da empresa pública Seaga, e será reforzado con persoal do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, o Exército e os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Igualmente, está previsto que en breve se incorporen a esta tarefa os sete Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) distribuídos pola provincia.

A delegada territorial subliñou que nesta campaña “avanzouse na colaboración entre administracións, dotando de máis medios aos concellos, pero establecendo un mando único para garantir o correcto funcionamento de todo o operativo”. Ademais sinalou que os concellos souberon ver “os beneficios de contar con estas brigadas”, que non só participarán nos labores de extinción de incendios “senón que terán que realizar tarefas preventivas de desbroce e limpeza”.

A delegada incidiu en que o principal obxectivo do Pladiga é “reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos lumes forestais”. Para elo, asegurou, a Xunta “pon o acento nas tarefas de prevención e mellora os medios de extinción”, pero tampouco renuncia “á disuasión mediante a aplicación de medidas punitivas firmes ou da disposición de medios como a videovixilancia dos montes”.

Para rematar, a delegada apelou “á concienciación e e á participación social” na prevención dos lumes, xa que “non podemos permitirnos destruír un recurso tan valioso como os nosos montes, que son unha riqueza medioambiental e unha importante fonte de ingresos”.

Xunta De Galicia