lunes, 3 de junio de 2013

A Xunta convoca axudas para remate de fachadas e rehabilitación de vivendas no medio rural

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde que as regula

Poderán solicitalas aquelas persoas que xa realizaran as obras e teñan cualificación definitiva das mesmas

Ás actuacións no medio rural destínanse 1,8 millóns de euros e 1,4 millóns a actuacións en conxuntos históricos e nos Camiños de Santiago

Santiago, 3 de xuño de 2013.- A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), destinará un máximo de 3,2 millóns de euros á concesión de subvencións para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos camiños de Santiago, segundo establece a Orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia pola que se abre o prazo de solicitude de ditas axudas. As solicitudes poderán presentarse durante un mes contado a partir de mañá, 4 de xuño.

O importe total das subvencións divídese da seguinte maneira:
• 1,8 millóns de euros para actuacións no medio rural
• 1,4 millóns de euros para actuación en conxuntos históricos e nos Camiños de Santiago

Ao abeiro desta Orde, tal como establece o do Decreto 44/2011 que rexe as axudas, serán subvencionables aquelas actuacións para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos camiños de Santiago, cuxas obras estean xa realizadas e conten coa resolución de cualificación definitiva.

O importe das axudas será do 50 por 100 do orzamento que figure na resolución de cualificación definitiva, sen que en ningún caso esta subvención poida superar a cantidade máxima de 6.600 euros no caso das modalidades de remate de fachada e rehabilitación e a cantidade máxima de 8.600 euros na modalidade de reconstrución de edificios e vivendas.

A Orde publicada hoxe establece a documentación a presentar polos solicitantes par acreditar o gasto realizado, tales como facturas ou documentos acreditativos de gastos realizados con medios ou recursos propios.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel. O prazo para resolver fíxase en cinco meses, contados desde a data na que a solicitude tivera entrada no rexistro do órgano competente para resolver.

Xunta de Galicia

A Xunta destina máis de 510.000 euros aos concellos lucenses

A Xunta destina máis de 510.000 euros aos concellos lucenses situados en Rede Natura para a conservación e recuperación dos espazos naturais

A delegada territorial, Raquel Arias, destacou que estas actuacións “contribúen a preservar espazos moi ricos dende o punto de vista medioambiental, que representan ademais un importante atractivo turístico e económico”

A representante do executivo galego visitou hoxe o espazo da Lagoa de Cospeito, en cuxo entorno se actuarán na mellora de varios camiños