sábado, 1 de junio de 2013

Un camiño aberto a ferro e dinamita

Casimiro non lembra a última vez que atravesou un túnel. Debeu de ser nesa nenez que agora se volveu vella, porque a viviu nos anos 40; pero non menos esperanzada. Este veciño da Pontenova sabe que montou no tren mineiro, o transporte que trasladaba o mineral local a Rotterdam, Androssan, Swansea y, en menor cantidade, a Baiona, Newport e Middlesborough. A carga desprazábase en barco, pero -como o río Eo non é navegable- recorríase a un tren que levaba a mercaduría ata o, daquela, porto internacional de Ribadeo, encarrilado sobre 34 quilómetros de vía.

A operación comezou canda abría o século XX. A Sociedad Minera de Villaodrid ergueu uns fornos na Pontenova, tendeu un cargadeiro sobre a ría de Ribadeo para deixar caer o ferro sobre as bodegas dos mercantes. No medio, cruzando en liña razoablemente recta os municipios de San Tirso de Abres e Trabada, deitaron unha vía ferroviaria que se mantivo en activo ata 1964.

Dende os primeiros tempos, en 1905, habilitouse un servizo para uso de pasaxeiros e Casimiro conserva a memoria, que non dá concretado, de ter acudido «ás festas do 8», as celebracións da patrona de Ribadeo, que ten lugar o día 8 de setembro.

Agora percorre todos os días os primeiros cinco quilómetros longos da Ruta do Ferrocarril, un tramo asfaltado que parte dos fornos da Pontenova e avanza sobre o itinerario que ocupou o tren mineiro. «Nunca cheguei ao túnel», recoñece en referencia ao túnel da Asela, o primeiro tramo cuberto de roteiro que atopa.

A Balastreira, que era como se coñecía á máquina que tiraba polos vagóns de pasaxeiros e polas vagonetas de mineral, daba a volta na estación de Ribadeo, da que agora quedan en pé as paredes e as fotografías en branco e negro. Do mesmo xeito, Casimiro fai a súa manobra de viraxe segundo chega ao primeiro dos ‘casetos’, «no apeadeiro do Cairo», coma se fose entrar no ámbito exótico do antigo Exipto.