domingo, 17 de marzo de 2013

LA GESTACION SUBROGADA (Muy importante)



Estimados amigos e veciños:


Son Aurora González Ginzo. Algúns coñecerédesme como a neta de Sidoro, outros como a filla de Alfredo de Real e outros seguramente non me coñeceredes, pero poida que me teñades visto na prensa estes últimos tempos coa lenda Aurora González – A Pontenova (1970).

Póñome en contacto con vós porque estou inmersa nun proxecto extremadamente importante para min, que precisa da colaboración do maior número de persoas posible e creo que, antes de por ningún outro sitio, debo empezar polo meu pobo.

Algúns xa teredes coñecemento deste proxecto por medio da prensa, para os que non, direivos que todo xorde a raíz dun suceso terriblemente dramático que lles acontece a uns amigos meus: Marta e Antonio. Marta estaba a piques de dar a luz (faltábanlle dúas semanas) e tivo unha complicación moi grave no seu embarazo que finalizou cunha cesárea de emerxencia e con ela na unidade de críticos do Juan Canalejo. Agora está en proceso de recuperación pero perderon á súa nena e tamén a posibilidade de ter outro fillo por si mesmos, xa que a Marta tivéronlle que quitar o útero, polo que non pode quedarse embarazada.

Nin que dicir ten que este foi un acontecemento moi doloroso para eles e para toda a súa familia, e tamén para a xente que os coñecemos. Por iso, un grupo de amigos estamos volcados en buscar unha solución: non podemos volver atrás no tempo e devolverlles á súa pequena, pero si podemos intentar que teñan a oportunidade de ser pais e de dar todo ese amor que teñen a un fillo que desexan máis que nada no mundo.

E hai unha maneira de logralo. Hai unha técnica de reprodución asistida que permitiría  que outra muller xestase o embrión froito da unión do esperma de Antonio e os óvulos de Marta: a xestación subrogada. É o que se coñece vulgarmente como “ventre de aluguer”. Seguro que oístes falar de que Miguel Bosé foi pai de dous nenos mediante esta técnica, tamén a Baronesa Thyssen e, xa fóra das nosas fronteiras, Ricky Martin, Elton John, e Ronaldo entre outros, pero hai outros moitos españois que non saen na prensa ou na televisión e que se van fóra do noso país para acollerse a este sistema de paternidade/maternidade.

Para eles é relativamente fácil, porque teñen cartos e poden someterse a esta técnica noutro estado e inscribir estes nenos no Rexistro Civil español como fillos propios.  Para Marta e Antonio é moito máis complicado: esta técnica de reprodución asistida é alegal en España e ir fóra supón un gasto de ó redor de 100.000 euros que eles non teñen (seguide lendo que non estamos pedindo cartos).

Hai máis casos coma o de Marta e Antonio, ou parecidos, que fomos coñecendo dende que empezamos a traballar nesta causa. Hai moita xente que se pon en contacto con nós a través da nosa páxina de facebook para contarnos que eles tamén queren ser pais ou nais e que a única vía que teñen de conseguilo é mediante esta técnica.

Por iso nós estamos intentando que se legalice en España a Xestación Subrogada, con todas as garantías xurídicas e sanitarias para os futuros pais, para a muller xestante e, por suposto, para o bebé ou bebés que nazan por medio desta técnica. Para conseguilo optamos por unha figura da Constitución Española que establece a participación cidadá na elaboración das leis: a Iniciativa Lexislativa Popular que consiste, principalmente, en que  un grupo de cidadáns (comisión promotora) presentan ante a Mesa do Congreso dos Deputados o texto (proposición de Lei) que pretenden que se aprobe. Se a Mesa o admite a trámite, estes cidadáns terán que recoller 500.000 firmas en nove meses para que o texto se leve a debate no Pleno do Congreso.

Nós xa nos temos constituído como Comisión Promotora da Iniciativa Lexislativa Popular para a Regulación da Xestación Subrogada en España e agora estamos na fase de redacción da proposición de lei e tamén divulgando o noso proxecto para que, cando teñamos que empezar a recoller as firmas, xa o coñeza a maior cantidade de xente posible e, aqueles que o vexan coma algo positivo ou, simplemente, coma unha faceta máis da nosa liberdade para decidir, poidan mostrarnos o seu apoio.

Sei que algúns dos que leades isto non estaredes de acordo, e non pretendo facervos cambiar de idea, pero tamén sei que moitos estaredes a favor ou, incluso aínda que pensedes que na situación de Marta e Antonio vós buscariades outro camiño, veredes a xestación subrogada como unha opción válida para  aqueles que por motivos físicos ou de saúde non poden xestar os seus fillos.

E ese é o motivo desta carta, darvos a coñecer unha iniciativa que é a solución para Marta e Antonio e para moitas outras familias españolas.

Quero pedirvos que entredes na nosa páxina de Facebook, Maternidad Subrogada en España, na nosa páxina de Twitter, @gsubrogada, ou na nosa páxina web, gestacionsubrogadaenespaña.es, para coñecer este proxecto con máis detalle. Alí poderedes ler o comentario que deixou Marta contando a súa historia e tamén poderedes ver toda a información que temos dispoñible sobre a iniciativa.

E tamén quero pedirvos que esteades pendentes de nós e que nos axudedes a conseguir que esta lei sexa unha realidade coa vosa firma. Non sabemos canto tempo falta para que poidamos empezar a recoller firmas pero, tanto no Facebook como na páxina de internet, teremos colgadas sempre as últimas novas e alí poderedes informarvos de como vai a iniciativa e, cando chegue o momento, de onde poderedes firmar.

E, por suposto, se queredes implicarvos mais e axudarnos a recoller firmas, estareivos moi agradecida. Por favor, para calquera cousa, contactade comigo no noso enderezo: gestacionsubrogada@yahoo.es

Un afectuoso saúdo e as miñas máis sinceras grazas polo voso tempo e a vosa comprensión.

Aurora


«É mellor ter o pobo nunhas condicións aceptables que na ruina»

Una aldea de A Pontenova, en Lugo, ha sido uno de los últimos núcleos que ha atraído a los compradores extranjeros. Cien mil euros han desembolsado unos británicos. Desde la alcaldía se ve de forma positiva que estas aldeas estén bien conservadas.
http://www.vtelevision.es