lunes, 31 de octubre de 2011

O Samaín

 Alba Lopez fainos chegar este fermoso e valioso documento onde nos explica os inicios do que hoxe coñecemos por Haloween. Moitisimas gracias.

O Samaín é unha festa pagá que tiña lugar fai máis de 3000 anos nalgúns dos reinos celtas como Irlanda, Galicia e Gran Bretaña. Esta festa que transcorría a finais do verán coa recollida das colleitas, significando así o fin dunha etapa, dun ano, e o comezo doutro novo, tal celebración duraba 7 días e tiña lugar a principios de novembro.
             O Samaín simbolizaba a eternidade, era o momento no que se abría o mundo dos mortos e estes podían regresar os seus fogares para visitar os seus descendentes, era o momento de celebrar a recollida das colleitas, de dar paso a un novo ano e por suposto de honrar á natureza e os antepasados.
             Centrándonos máis na noite que simbolizaba o fin e o comezo (a noite de Samaín), as familias deixaban comida, e poñían velas dentro de cranios dos inimigos (posteriormente baleirábanse nabos para esta función e máis adiante, as xa coñecidas por todos cabazas) nas portas, fiestras e arredores do fogar para os espíritos e pantasmas que fosen benvidos e a vez, para espantar a aqueles malignos ou que puidesen traer mala sorte.
             Coa invasión romana, a tradición do Samaín foi minguada e xa no século II desapareceu practicamente coa evanxelización dos pobos pagáns, aínda que quedou latente de formas moi diversas en moitos pobos e aldeas do que fora reino celta.Para a evanxelización dos pobos, a igrexa acostumaba intentar adaptar as tradicións pagás e facelas propias para axilizar ese proceso, é aí o orixe do día de tódolos Santos celebrado o 1 de novembro polo noso calendario, día no que con ofrendas florais e oratorias se pretende recordar e honrar ós antepasados.
             Non fai moito tempo e con moita influencia do cine de terror xurdiu una festa orixinada no Samaín que agora é coñecida a escala internacional pero que non ten un orixe ancestral, se non puramente comercial e cinematográfico: Hallowen, nesta festa, a ofrenda de alimentos pasa a ser a recollida de alimentos por as persoas disfrazadas nas rúas; as cabazas e demais teñen una función estética, e a honra ós antepasados e visita destes, convertese no terror e medo da “noite das pantasmas e espíritos”.
             Actualmente en Galicia, numerosas asociacións, colexios e pobos intentan recuperar esta tradición realizando actividades culturais, talleres e festas como en Lugo, que a noite do 31 de outubro, una procesión de ánimas recorrerá a muralla adornándoa con cabazas e velas, e durante estes días haberá talleres e diversas actividades pola cidade.
Deséxovos un bo ano novo (celta) e que os espíritos vos leven a ledicia ós vosos fogares, gozade do Samaín.

Alba.